A solidariedade emerxe con máis forza en tempos duros. A crisis sanitaria do coronavirus poñe a proba á sociedade, pero tamén ás administracións. Neste último senso, unha serie de concellos lanzaron nos últimos días unha serie de iniciativas para axudar aos veciños máis desfavorecidos tras o estado de alarma decretado o pasado sábado polo Goberno. Un deles é Moaña. A vila morracense crea “Moaña Facilita”, unha acción na que axuda a toda aquela moañesa ou moañés que non poida saír da casa a ir a facer a compra ou á farmacia. As interesadas e interesados poden empregar este servizo chamando ao teléfono 649 684 012. O horario de atención é de 10:00 ás 20:00 horas.
Outro municipio que quere extremar ao máximo o coidado da veciñanza é As Neves. O municipio pontevedrés habilita un servizo de entrega de bens de primeira necesidade para aquelas persoas que non dispoñan de medios para adquirilos nestes momentos de confinamento nas casas. Porén, os veciños que padezan unha situación de necesidade transitoria ou se coñecen a alguén que precisen a colaboración dos Servizos Sociais do Concello poden contactar no teléfono 986 667 184 en horario de 09:00 a 14:00 horas ou no correo electrónico servizossociais@asneves.gal.
Redondela tamén lanzou un sistema de reparto de alimentos co fin de garantir a cobertura das necesidades básicas das familias con menores beneficiarias das axudas de comedor escolar e que, con motivo da suspensión da actividade lectiva, carecen dende o pasado venres deste servizo. Dende o Departamento dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos estableceranse as oportunas axudas en concepto de alimentación de cara tanto a evitar posibles situacións de risco coma para garantir a nutrición e dieta axeitadas dos e das menores. Do mesmo xeito, e para os casos nos que sexa necesaria algunha axuda ou apoio, ben por ser unha persoa maior e atoparse só ou por pertencer a un colectivo de risco, poden contactar co Departamento dos Servizos Sociais a través do teléfono 986 402 608.
Nigrán puxo en funcionamento dende o pasado luns un servizo de asistencia a persoas en especial risco ante o virus COVID19 ou en soidade ou sen medios. O obxectivo é facilitarlles a compra de alimentos, menciñas e mesmo o préstamo de libros, revistas ou dvds da Biblioteca Municipal, instalación que se atopa pechada como todas as dependencias municipais. As interesadas ou interesados en dispoñer desta iniciativa teñen a súa disposición o teléfono 986 383 930, liña que estará operativa de 09:00 a 14:00 horas. Non obstante, as persoas que queiran algún préstamo a domicilio dalgunha publicación do catálogo da Biblioteca Municipal ou revistas e prensa poden contactar no número da propia Biblioteca (986 383 979) de 10:00 a 12:00 horas. Nigrán informa que o prazo de devolución de préstamo de libros queda anulado para aquelas persoas que actualmente teñen algún.
Soutomaior encomenda a Protección Civil a realización de tarefas de asistencia a persoas de avanzada idade para evitar que teñan que desprazarse a facer a compra de alimentos e medicamentos ou doutros servizos básicos. Para solicitar este apoio os interesados deben dirixirse aos teléfonos 626 477 355 ou 652 493 268 en horario de 09:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.