O Concello de Moaña vén de sumarse a campaña emprendida por Fecimo (Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo) para potenciar o comercio local e de proximidade durante a actual situación de alerta. A concelleira de Promoción Económica, Coral Ríos, vén de invitar á veciñanza a repensar a nosa actitude como clientes apostando polo comercio local, que “fai que a economía circular avance”.
Nun vídeo publicado nas redes sociais do Concello, Ríos pide lembrar “quen son os que sempre está aí”, facendo referencia aos comerciantes locais. “Cada prenda, cada alimento, cada subministro pode ser mercado nos comercios de proximidade”, apunta a concelleira para lembrar que a “excelencia e o trato personalizado” son tamén referencia no comercio do país.
Ante a actual situación de descenso nas ventas, e o parón económico que xa comezou, o Concello de Moaña di “ter claro que Amazon non vai vir a rescatarnos”, polo que invita a mercar no comercio local “por xustiza e por conciencia”.
Diferentes administracións municipais de toda a área metropolitana están a iniciar campañas de defensa do comercio de proximidade que permita asegurar que a chamada economía circular continúe a funcionar e a riqueza non se traslade ás grandes multinacionais con sedes sociais en paraísos fiscais.
Amais, a Federación de comerciantes e Industriais do Morrazo vén de por en marcha dúas campañas concurso para pequenos e grandes na procura de animar ás persoas que están na casa e para que comerciantes e veciñanza recorden que “están xuntos nestes difíciles momentos e xuntos sairán disto tamén”.
Até que dure o estado de alarma, existen dúas campañas con dous retos, para crianzas e adultos, que se compartirán a través das redes sociais baixo os cancelos #Quedococomerciolocal e #Volveremonosver.
A primeira iniciativa é un concurso de debuxo para á rapazada. da casa. Os pequenos poderán presentar entre un e tres debuxos nos que o motivo do mesmo sexa: “a súa tenda do comercio local favorita”. Esta actividade está dirixida a crianzas con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos e divididos en dúas categorías de idade.
O segundo concurso desenvolverase en Instagram e poderá participar calquera veciña e veciño do Morrazo que decida subir una imaxe ou vídeo no que nos conte brevemente (falando ou cunha frase ben lexible) que significa o comercio local.