Mobilidade, medioambiente, reciclaxe e cultura son as preocupacións da mocidade de Redondela

Publicidad

O Pleno do Consello Municipal da Infancia e a Adolescencia de Redondela, reunido esta semana no Multiúsos da Xunqueira –lugar de celebración habitual dos Plenos da Corporación Municipal– baixo a presidencia da alcaldesa Digna Rivas, puxo enriba da mesa as principais preocupacións dos mozos e mozas que, ao longo da sesión, foron trasladadas ao Goberno para o seu estudo e posta en marcha.

As propostas presentadas polos e polas representantes do CEIP Alexándre Bóbeda (Iris e Hugo); CEIP Porto Cabeiro (Raúl e Mª Teresa); CPR Colexio Vigo (Xiana e Miguel); IES Chapela (Laura); IES Illa de San Simón (Lúa); IES Mendiño (Carla) e IES Pedro Floriani (Guillermo), deixaron ao descuberto unha infancia e mocidade con inquedanzas, mesturadas con preocupación, polo medioambiente, a mobilidade, a cultura e o deporte.

Así, a necesidade de dotar a Redondela dun carril bici do que carece, foi unha das propostas persentadas pola grande maioría dos asistentes ao Pleno do Consello, ao igual que a necesidade de incrementar os puntos de reciclaxe e impartir cursos sobre este tema nos centros escolares. Púxose sobre a mesa, seguindo o exemplo doutros países, a proposta de 'incentivar' a reciclaxe a través vales desconto nas compras por certa cantidade de material reciclado ou da instalación de papeleiras específicas para as máscaras de protección e que, con demasiada frecuencia, aparecen tiradas polo chan.

Non faltaron as ideas que levan incluído traballo de voluntariado, nas que mozos e mozas amosáronse dispostos a contribuír na limpeza de praias e espazos verdes. A mobilidade é outra das preocupacións da mocidade redondelá, tal e como se puxo de manifesto no Pleno ao expresar a necesidade de incrementar o transporte público coas parroquias para diminuír o uso dos vehículos privados e, polo tanto, as emisións de CO2.

Actividades culturais para a mocidade, obradoiros da máis diversa índole, realización de actividades e eventos ao aire libre e en contacto coa natureza, incrementar as charlas para fomentar a igualdade, cursos de teatro ou cociña, lugares de ocio cuberto onde se poida reunir a mocidade nos días de choiva, pistas deportivas, incrementar a limpeza nos parques, visibiliar as e aos artistas de Redondela nas súas diversas facetas, exposicións, concertos didácticos e a necesidade de introducir innovacións tanto no Festival de Títeres como na Festa do Choco “para seguir mantendo o interese, sobre todo no tocante as actuacións que se levan a este último evento”, foron algunhas das múltiples propostas presentadas ao longo deste pleno.

Digna Rivas agradecía, ao comezo do Pleno “o enorme traballo que estades facendo dentro do Consello Municipal da Infancia e a Adolescencia, reuníndovos cada quince días para propoñer e estudar propostas que redundan en beneficio de toda a cidadanía”. Antes de comezar a debater a Orde do Día, a alcaldesa deulles conta do punto en que se encontraban algunhas das propostas que se realizaron na anterior reunión “e que se están a desenvolver neste momentos como os asfaltados de camiños e os novos parques nos que se están aplicando medidas para a accesibilidade”.

Salir de la versión móvil