A CIG desenvolveu hoxe unha mobilización diante da oficina de Abanca na rúa Concepción Arenal de Moaña para rexeitar o peche da sucursal da rúa Ramón Cabanillas e denunciar a restrición de servizos na atención presencial ao público. Na concentración participaron tamén numerosas veciñas e veciños s e unha representación do Goberno local moañés, coa alcaldesa Leticia Santos á cabeza.
Segundo denuncian dende a central sindical, os peches e nas restricións de servizos (Abanca só atenderá de 8:00 a 11:00 horas a partir de xuño) forman parte dun plan imposto para dixitalizar a clientela posto en marcha conxuntamente polos bancos, “atentando contra a competencia, sen que houbese actuación por parte da Xunta de Galiza ou do Ministerio de Economía”. Entenden que no caso de Abanca, como herdeira das Caixas de Aforros Galegas e como primeira entidade financeira galega, debera ter en consideración a propia dispersión xeográfica e o avellentamento da poboación galega “antes de replicar as políticas bancarias deseñadas polos grandes grupos bancarios dende Madrid, unhas políticas impostas que buscan incrementar os beneficios a costa da destrución do emprego e da marxinación financeira”.
Por iso durante a mobilización celebrada este mediodía en Moaña despregouse unha faixa na que se podía ler “Abanca deixa sen servizo a clientela e destrúe postos de traballo. Polo dereito ao acceso aos servizos financeiros e contra a reconversión antisocial da banca” e berráronse consignas denunciando a actitude da dirección e reclamando o mantemento da oficina”.
Precisamente con este mesmo obxectivo o BNG de Moaña presentou unha moción que foi aprobada onte por unanimidade polo pleno da corporación. Ademais, unha representación do Goberno local -integrado por BNG e PSOE-, coa alcaldesa á cabeza, participou na mobilización que tivo lugar este mediodía na localidade morracense.
Dende a sección sindical da CIG en Abanca adiantan que continuarán a rexeitar na rúa os peches de oficinas previstos pola dirección da entidade financeira, tal e como demanda a veciñanza que participa nas distintas protestas organizadas pola central sindical.