O pasado emerxe en Mos. O tranvía que unía O Porriño e Mos con Vigo, e que noutros tempos permitía aos veciños da comarca achegarse á cidade olívica a vender os produtos do agro ou a traballar na industria, volve ao presente, aínda que sexa soamente como un recordo.
O Concello de Mos vén de recuperar os antigos raíles da liña ao seu paso por Sanguiñeda para poñelos en valor e acompañalos dun cartel informativo sobre o que significou para o municipio, grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra.
As obras de humanización e acondicionamiento do nó de Sanguiñeda deixaron ao descuberto un tramo de vinte metros de raíles do trazado do antigo tranvía. O interior da glorieta das Angustias é o punto exacto de ubicación destes ferros que agora foron restaurados e reinstalados nunha zona próxima ao lugar.
O tramo desta liña, impulsado polo empresario e médico Enrique Peinador e inaugurado en marzo de 1920, mantívose en funcionamento ata 1967 e pasaba por outros puntos do municipio. Así, transcorría por Petelos, Tameiga, Dornelas e Peinador.
Precisamente o tramo atopado non é o único elemento patrimonial deste tranvía que se conserva no Concello xa que Mos é o único municipio que conta con dous postes da catenaria desta antiga liña, un en Sanguiñeda e outro na Rans. Este último recuperouse fai uns anos e púxose en valor coa instalación, tamén, dun monolito informativo.