Nace a Plataforma en defensa da sanidade pública en Ponteareas como resposta á "continua degradación e empeoramento do servizo de atención primaria no Centro de Saúde do municipio". O obxectivo desta organización, que se define como "plural, apartidista, e representativa", é a de reinvindicar máis medios materiais e sobre todo humanos, para que a veciñanza de Ponteareas poida recibir un servizo asistencial de calidade.
O Concello impulsou a creación da Plataforma e anima a todas as entidades e colectivos a unirse a ela nunha reunión inicial este venres 13 ás 20:30 horas na Sala Multiusos do Auditorio. Ademais, a alcaldesa e concelleira de Saúde de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, mostrou o seu apoio á concentración convocada pola veciñanza mañá ás 20:00 horas diante do Centro de Saúde do municipio.
A atención primaria en Ponteareas presenta unha falta de recursos materiais e humanos que cada vez son máis preocupantes. Durante este mes e o que vén, o Sergas, debido a falta de persoal facultativo que poda substituír baixas ou vacacións, decidiu interromper todas as consultas ordinarias en horario de tarde no centro de saúde de Ponteareas, e derivar aos pacientes de urxencia ou que xustifiquen que non puideron acudir de mañá ao PAC. Para a alcaldesa “non é aceptable que moitos veciños e veciñas teñan que aprazar todas aquelas revisións ou probas que non se precisen de xeito inmediato”.
Fernández Davila lembra que en “numerosas ocasións” o Concello reclamou unha solución á falta de servizos e persoal sanitario, a última o venres pasado coa entrega das súas demandas a Xerencia do Sergas, pero que, polo de agora, a situación continúa no mesmo punto. Por iso, tanto o Concello como colectivos e veciñanza deciden crear a Plataforma para reclamar “a atención sanitaria que merece Ponteareas”.