Navia volve saír á rúa para reclamar un instituto máis próximo para o barrio vigués

Publicidad

Unha importante parte do futuro de Vigo está en Navia. O barrio cunha importante presenza de familias mozas demanda unha importante transformación. Nesa metamorfose que teñen pendente as diferentes administracións, unha delas é a creación dun instituto no barrio. Mentres non se confirma a creación dese centro educativo, as pais e nais do CEIP Castelao volven saír á rúa este xoves 16 de maio non só para satisfacer esta demanda, senón para pedir á Xunta de Galicia a adscrición do colexio a un instituto situado máis preto de Navia.

A realidade é que, na actualidade, as alumnas e alumnos que terminan a educación Primaria no CEIP Castelao teñen asignado o instituto de Valladares, un centro educativo situado a 10 quilómetros do barrio vigués. As familias esixen, porén, a reordenación da zonificación escolar para que os estudantes de Secundaria ou Bacharelato teñan asignado, por exemplo, os institutos de Coia, situados a tan só 2 quilómetros de Navia.

As familias do CEIP Castelao farán unha nova manifestación este xoves 16 de maio, ás 18:00 horas. A protesta arrancará na saída da porta do colexio (rúa Ufas) ata o IES Alexandre Bóveda.

Salir de la versión móvil