Nicholas Kotov, referente mundial en nanotecnoloxía, investido doctor honoris causa da UVigo

Publicidad

Pioneiro no uso de grafeno e referente mundial en nanotecnoloxía, o profesor da Universidade de Michigan Nicholas Kotov (Moscova, 1965) converteuse este luns no vixésimo noveno doutor honoris causa da Universidade de Vigo. Fíxoo nun acto de investidura celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e apadriñado polo seu grande amigo, o catedrático Luis Liz Marzán, da man de quen visitou por primeira vez a Universidade de Vigo no ano 1996. Dende entón a conexión e colaboración entre os laboratorios que ambos lideran ten continuado, de xeito ininterrompido ata hoxe, data na que, tras pronunciar o seu discurso de ingreso na Universidade de Vigo, xurou solemnemente “defender e respectar todos os dereitos desta universidade en calquera parte do mundo”, así como “favorecela e axudala cantas veces se lle demande”.

No nome de toda a comunidade universitaria, o reitor, Manuel Reigosa, foi o encargado de darlle a benvida á institución académica viguesa e amosar a “enorme satisfacción” pola súa incorporación ao Claustro de doutores honoris causa da Universidade de Vigo, así como darlle as grazas por ser como é, “unha gran persoa e un excelente científico”. O reitor agradeceulle tamén ter tido sempre a xenerosidade de acudir a Vigo, cada vez que lle foi solicitado, facendo mención expresa a The Thinking Institute, un encontro que este ano acadou a súa segunda edición e no que se brinda as e os participantes a oportunidade de interactuar cos mellores especialistas en nanociencia a nivel mundial.

"As ideas máis orixinais e provocativas”

Tras a entrada no salón de actos da comitiva académica, o acto de investidura arrancou coa lectura por parte da secretaria xeral, María José Bravo Bosch, dos acordos de Consello de Goberno polos que se nomeou doutor honoris causa desta Universidade a Nicholas Kotov, intre tras o cal procedeu á súa entrada na sala, acompañado do seu padriño e da propia secretaria xeral. Foi precisamente o seu padriño, o profesor Luis Liz Marzán, “testemuña da súa enorme capacidade de traballo para propor as ideas máis orixinais e provocativas e ademais levalas á práctica e demostralas”, o encargado de facer a gabanza dos méritos que levaron a este químico a acadar o grao supremo de distinción que concede unha universidade.

Tras recordar os seus inicios na prestioxiosa Universidade Estatal de Moscova, onde estudou enxeñaría química e obtivo o grao de doutor, Liz Marzán lembrou como ‘Nick’ decidiu marchar a Estados Unidos para “ampliar horizontes e investigar”. Alí, da man dun dos grandes pioneiros da ciencia de superficies e a nanociencia, o profesor Janos Fendler, tardou pouco en destacar. “Ademais da súa estreita relación coa nosa universidade, a nominación de Nicholas Kotov para o grao de doutor honoris causa está baseada na excelencia (con maiúsculas) da súa carreira científica, e a repercusión tecnolóxica do seu traballo, que se reflectiu, xa en 2003, nunha oferta da prestixiosa University of Michigan, para entrar no seu Departamento de Química".

Coñecido internacionalmente polas súas contribucións fundacionais ao eido das nanoestruturas biomiméticas, que abarcan múltiples disciplinas dende a perspectiva da enxeñaría química e da ciencia de materiais, Kotov leva publicado máis de 400 artigos nas revistas máis prestixiosas, varias ducias en "Science e Nature", que recibiron máis de 70.000 citacións. A maiores, o padriño resaltou tamén o seu papel como inventor de máis de 40 patentes e ten fundado seis empresas baseadas nas súas invencións, así como ter recibido máis de 50 premios e distincións, entre as que destacou a Medalla Unesco polo desenvolvemento da Nanociencia e Nanotecnoloxía e a Medalla da Materials Research Society, MRS.

30 anos de traballo

Como “un grande agasallo, polo que estou moi agradecido” recibía Kotov a máxima distinción da Universidade de Vigo, nunha intervención que abría recoñecendo a “grande honra” que supuña para el este nomeamento. “Significa que o meu traballo durante os últimos 30 anos foi valioso para a xente”, salientou o químico, ao mesmo tempo que puña o foco, no inicio da súa intervención, en que este acto tiña tamén para el “outro significado”. Non en van, lembrou, “gradueime nunha universidade da Unión Soviética” onde “nunca tivemos a clásica cerimonia formal” ao remate dos estudos, o que fixo que presentase o seu nomeamento como honoris causa como “a miña primeira cerimonia formal de graduación”.

Kotov quixo lembrar no seu discurso a “amizade e honestidade” de Liz-Marzán, así como a súa “guía exemplar ao longo dos anos”, ao igual que a colaboración que desde hai décadas mantén tanto co que foi o seu padriño neste acto como cos tamén investigadores da UVigo Miguel Correa, director do CINBIO, Jorge Pérez-Juste e Isabel Pastoriza. De feito, pouco antes desta cerimonia, o químico afirmaba lembrar “moi ben” a súa primeira visita a Vigo, na que foi recibido por Liz-Marzán, con quen compartiría uns “días cheos de grandes debates sobre ciencia, natación e cociña” que, subliña, “uníronme a esta fermosa parte do noso planeta, quizais para sempre”.

Acompañado de “excelentes colaboradores”, procedentes de Bélxica, Suíza, Estados Unidos e Italia, Kotov ofreceu un discurso de ingreso titulado Tecnoloxías que aforran enerxía e vidas a partir de nanopartículas ‘imperfectas’. Nel trazou un percorrido pola súa traxectoria e polo que, recoñeceu, “era un soño pouco realista ao comezo desta viaxe, hai 30 anos”. Partindo do feito de que “as nanopartículas teñen unha capacidade intrínseca para autoensamblarse en estruturas complexas” e xerar “sofisticadas ensamblaxes”, Kotov abordou os seus diferentes descubrimentos no ámbito dos “nanocompostos autoensamblados”, xerados a partir destas nanopartículas imperfectas, así como as súas múltiples aplicacións.

“É importante destacar que os materiais organizados xerarquicamente a partir de partículas polidispersas ‘imperfectas’, como as nanoláminas de óxido de grafito, as nanoplaquetas de arxila, as nanovarillas de celulosa e as nanofibras de aramida mostran propiedades mecánicas, ópticas, eléctricas e selectivas de ións sen precedentes”, recoñeceu. Isto, engadiu, fixo posible que estes nanocompostos conducisen “a tecnoloxías para economías sostibles e para a saúde das persoas, exemplificadas en implantes biomédicos, electrónica flexible, membranas produtoras de alimentos e baterías de alta capacidade”, ao que se suma o feito de que se trata de nanocompostos “amplamente accesibles en todo o mundo, independentemente do grao de desenvolvemento económicos dos países”.

Un recoñecemento ao esforzo e o talento

O encargado de pechar o acto foi o reitor, Manuel Reigosa, e na súa intervención tivo palabras para o novo doutor honoris causa da universidade olívica, o vixésimo noveno en ser investido, e tras cinco anos sen sumar ningunha distinción deste tipo. Ademais de felicitalo por esta distinción e agradecerlle que entre a formar parte do claustro da UVigo, subliñou que para a institución é “unha honra” poder contar cun científico “con máis de 400 publicacións de alto nivel en revistas de prestixio, algo que non se consegue se non é con moito esforzo e con moito talento”, unha combinación que, segundo Reigosa, “é o que precisa a sociedade para mellorar, para progresar”.

O reitor tamén recalcou que a figura do novo honoris causa encaixa cos valores da Universidade de Vigo, “catro vimbios que fan que a nosa universidade sexa o que hoxe é”. A primeira destas liñas de actuación, explicaba Reigosa, “ten que ver co agarimo”, con poñer as persoas no centro de todo, de modo que “os nosos estudantes atopen sempre no seu profesorado unha oportunidade para aprender máis, lonxe da torre de marfil” que caracterizada ás universidades antigamente. A segunda cuestión, continuaba, refírese ao recoñecemento do esforzo e do talento: “hoxe incorporamos un activo máis de primeiro nivel, que nos vai axudar a conseguir o obxectivo que temos no noso Plan Estratéxico para que a UVigo sexa quen de recoller todo o coñecemento que se xera no mundo e que, ao mesmo tempo, a sociedade galega, a cultura galega e a lingua galega sexan coñecidas fóra da nosa terra”. O terceiro aspecto ten que ver coa colaboración e a cooperación, co traballo en rede mentres que “o cuarto vimbio”, sinalaba, “é que somos plenamente conscientes da nosa periferia e por iso tratamos con moito agarimo os nosos tres campus”. Con estes catro principios como bandeira, Reigosa puxo o foco en seguir construíndo “a Universidade do futuro”, unha institución “igualitaria, galega e internacional”, concluía.

Salir de la versión móvil