Novo miradoiro para o municipio de Nigrán. Desta vez, o Goberno municipal anuncia que concluirá esta semana as obras para dotar do primeiro observatorio de aves na contorna do espazo dunar de praia América-Panxón, á ves que se mellora a súa accesibilidade.
A actuación, que está subvencionada polo GALP (Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro) con 45.451,23 euros, incluíu diferentes roteiros de sensibilización ambiental e tres xornadas de voluntariado coordinadas desde Amigos da Terra (unha está pendente de celebrarse) destinadas a erradicar por completo das dunas a herba carniceira e a margarida africana, dúas especies invasoras con gran presenza.
Nos vindeiros días estará listo o primeiro observatorio de aves de Nigrán na zona de protección ambiental da desembocadura do río Muíños e, acorde co programa municipal ‘Un Nigrán para todos’, o proxecto de accesibilidade tamén inclúe a adaptación da pasarela de madeira e da varanda existentes e a instalación de ramplas de madeira para o acceso á praia. Como elemento salientable e innovador figura o emprego no peche perimentral de cen metros liñais de sogas grosas que substitúen ao antigo arame (xa moi deteriorado ou inexistente) e na pasarela da duna cen metros de redes de pesca xa inutilizadas, todo elo doado por mariñeiros de Bouzas. Este material reutilizado (sogas e redes) vincula a actividade produtiva de Panxón co seu espazo de lecer e, ao mesmo tempo, fai fincapé no principio de sostibilidade ambiental.
“Trátase dun traballo global adicado a por en valor todo este ecosistema, tanto desde o punto de vista da sensibilización cidadá como desde a propia infraestrutura que o protexe, que agora será máis accesible, cunha estética máis coidada e un novo elemento como o observatorio de aves”, explica o alcalde, Juan González.
O observatorio de aves mide dez metros cadrados e está formado por pilares e peche de madeira para a observación da fauna na zona de protección ambiental. Actualmente non existe ningún espazo similar no municipio, e moitas aves sofren de estrés coa presenza humana. Este elemento permitirá a calquera persoa achegarse ao coñecemento da fauna mariña e costeira a unha distancia prudente pero o suficientemente cerca como para poder identificar as diferentes especies sen molestalas. No elemento haberá ocos de observación a diferentes alturas, un banco corrido e un pequeno mesado para o apoio de guías de identificación ou prismáticos.
Igualmente, estase a dotar dunha varanda de seguridade a pasarela existente na duna, ademais de substituír os elementos en mal estado e empregar medidas de seguridade adicional engadindo unha soga de corda sobre a que se amarra unha rede de pesca como peche.
Finalmente, como na actualidade todos os accesos desde o sistema dunar son de area, as persoas con discapacidade física ou mobilidade reducida teñen problemas para achegarse, polo que se está a instalar unha pasarela flexible de madeira en catro puntos de acceso á praia que permita o paso de cadeiras de rodas, carriños de nenos/as ou camiñar de forma segura a persoas con muletas, bastóns, etc.