O 98,5% das prazas de grao de novo ingreso quedaron cubertas este curso na UVigo

Publicidad

3728 das 3786 prazas de grao de novo ingreso ofertadas este curso 2021-2022 pola UVigo en 61 titulacións, quedaron cubertas, o que se traduce nunha taxa de ocupación global do 98,5%. Por campus, é o de Ourense cun 101% o que maior taxa de ocupación acadou, seguido de Vigo cun 98% e Pontevedra cun 97%. En canto á matriculación de novo ingreso por xénero, 1906 das 3728 praza cubertas corresponden a mulleres e as 1822 restantes a homes. “A valoración dos datos de matrícula é moi positiva, a pesar de que a curva demográfica diminúe, a taxa de ocupación dos nosos títulos mantense nos últimos anos arredor do 98,5%”, destaca a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que lembra que a ocupación superior ao 100% acadada o curso pasado produciuse nun ano anómalo en todos os sentidos, no que confluíron moitos factores relacionados coa pandemia e no que UVigo “foi pioneira en adaptarse ás circunstancias e fixo as cousas moi ben, o que levou a moitos estudantes a depositar o seu futuro na UVigo”.

Concretamente, respecto do curso pasado, no que taxa de ocupación acadou o 102%, neste 2021-2022 rexístrase un descenso de 76 prazas ocupadas, aínda que o número de prazas ofertadas superou en 42 ás do curso 2020-2021, cando a UVigo acadou os mellores rexistros de matrícula nos últimos 15 anos. En calquera caso, a cifra de matriculación rexistrada este curso sitúase como a segunda mellor nese período, cunha taxa que iguala á dos cursos 19-20 e 17-18.

En canto ás 3786 prazas de novo ingreso ofertadas este curso en 61 graos, 2034 (54%) correspondían ao campus de Vigo, 953 (25%) a Ourense e 799 (21%) a Pontevedra. Cómpre sinalar ademais, que o número de prazas de novo ingreso en titulacións de grao este curso é o maior dos últimos cinco, nos que das 3775 do 17-18, pasouse ás 3770 do 18-19, 3749 no 19-20 e 3744 no 20-21.

Taxa de ocupación por graos en cada campus

No campus de Ourense foron os graos en Educación Infantil e en Traballo Social, cunha taxa de ocupación do 127%, os que maior matricula de novo ingreso acadaron, seguidos do Grao en Xeografía e Historia que chegou ao 120%. Pola súa banda, os graos en Enxeñaría Agraria, cun 24%, e Turismo cun 45%, foron os que menos ocupación rexistraron. No campus vigués, o Grao en Dereito acadou un 127% de taxa de ocupación, seguido do Grao en Economía cun 118% e dos graos en Educación Primaria e en Enxeñaría en Organización Industrial cun 117%. Neste campus os títulos que menor taxa de ocupación rexistraron foron os de Recursos Mineiros e Enerxéticos (22%) e Filoloxía Aplicada Galega e Española (44%). Mentres, en Pontevedra foron os graos en Educación Infantil e Primaria, cun 113% e un 112% de taxa de ocupación, respectivamente, os máis demandados, seguidos do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte cun 105% de matrícula de novo ingreso. Pola súa banda, o Grao en Enxeñaría Forestal, cun 42% de taxa de ocupación, foi o que menos demanda acadou.

“Hai titulacións nas que a demanda é moito maior que a oferta e noutras ocorre o contrario, pero en xeral a tendencia dos último anos se mantén”, valora Caparrini, que lembra que o plan de captación de alumnado da UVigo contempla, ademais das actividades de difusión da oferta completa da institución, accións específicas para cada un dos graos con menos demanda, en función das súas características e necesidades.

Cifras globais de matrícula e captación de alumnado internacional

A UVigo acada a día de hoxe unha cifra total de estudantes matriculados en todos os cursos das titulacións de grao, máster e doutoramento de 19.761, dos que 10.213 son mulleres e os 9548 restantes, homes. Por campus, o de Vigo rexistra este curso 10.907 persoas matriculadas (55%); Ourense 4805 (24%) e Pontevedra 4049 (20%). Por tipo de titulación, o grao é que máis estudantado acumula cun total de 16.238 alumnas e alumnos (82%), seguido do mestrado con 2187 matriculados (11%) e o doutoramento con 1336 estudantes (7%).

“Dado que a oferta de prazas en todas as titulacións oficiais da UVigo mantense, aínda que con lixeiras modificacións ano tras ano, as porcentaxes de matriculados en cada tipo de título, loxicamente é constante”, explica a vicerreitora. Co obxectivo de facer fronte á previsible baixada no volume de alumnado por mor da caída demográfica, Caparrini lembra que xa están en marcha varias accións e todas elas pasan por captar estudantes internacionais. “O noso obxectivo é atraer alumnado de países en que a lingua galega poida ser un valor, como Portugal ou Brasil, ou nos que hai presenza de emigración galega, como en América do Sur. Pero tamén e desde hai anos, estamos a traballar para atraer alumnado doutros países, como poden os asiáticos, pola gran demanda que hai hoxe en día neses países por cursar estudos fóra de Europa”, detalla Natalia Caparrini.

Salir de la versión móvil