O AECT Río Minho asina en Lisboa a súa integración na rede transfronteiriza de España e Portugal

Publicidad

O AECT Rio Minho asinou este mércores oficialmente en Lisboa a súa integración na Rede Ibérica de Entidades de Cooperación Transfronteiriza (REDCOT) creada polos gobernos de España e Portugal co obxectivo de articular e fortalecer a cooperación de entidades dun e outro lado da fronteira hispano-lusa.

O director do agrupamento e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, formalizou a adhesión ao novo organismo acompañado da presidenta da Deputación, Carmela Silva, nun acto presidido polas ministras de Política Territorial do Estado Español, Isabel Rodríguez, e a ministra de Coesão Territorial de Portugal, Ana Abrounhosa. O nacionalista asegurou que a nova entidade supón un “paso histórico e simbólico” na posta en valor dos territorios fronteirizos e dá unha “primeira resposta” á demanda do agrupamento miñoto de dispoñer dunha estrutura estable para dialogar cos estados sobre as problemáticas e necesidades das fronteiras.

A REDCOT nace do acordo entre os gobernos español e portugués logo de que na Declaración Conxunta da XXXI Cimeira Hispano-Lusa celebrada en Garda se admitise a necesidade de fortalecer a cooperación transfronteiriza para resolver problemas específicos das rexións fronteirizas. Entre outros obxectivos búscase mellorar áreas como a saúde, asistencia sanitaria de emerxencia, movemento de persoas traballadoras transfronteirizas, protección civil, mobilidade e infraestruturas, despoboamento, investimento, transporte de mercadorías e apoio económico e social.

Entre outras cuestións, os dous gobernos subliñaron que para a creación desta rede dende valoraran o traballo desenvolvido polos Agrupamentos Europeos de Cooperación Territorial (AECT) existentes entre entidades españolas e portuguesas, que propuxeran promover unha rede informal de cooperación territorial, co fin de crear sinerxias, apoiar o intercambio de información, difundir boas prácticas e experiencias exitosas e promover unha maior coordinación e articulación.

O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, encargado de asinar oficialmente a adhesión do agrupamento miñoto á REDCOT, destacou neste sentido a súa satisfacción pola creación da rede. Segundo dixo, esta fora unha das cuestións principais que se plantexaran á ministra de Coesão Territorial na reunión de Pontevedra do pasado mes de outubro, “na que queriamos por enriba da mesa as fronteiras e as súas problemáticas, e para iso unha das demandas era que se creasen estruturas estables de diálogo”.

“Para nós a REDCOT –dixo Benítez- é un paso importante. É novidoso e histórico porque por vez primeira os dous estados teñen a ben establecer unha rede de entidades transfronteirizas coas que establecer un diálogo e un debate sobre as políticas transfronteirizas. É un paso simbólico importante , pero aínda temos moito camiño por diante”, subliñou.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción pola posta en marcha da Rede Ibérica de Entidades de Cooperación Transfronteiriza “que, estou segura, vai contribuír a seguir sumando sinerxías entre España e Portugal para relanzar este espazo europeo de convivencia cheo de futuro, oportunidades e prosperidade”. “Compartimos -engadiu a presidenta- proxectos, preocupacións e necesidades e a Rede será unha ferramenta clave para avanzar no posicionamento estratéxico dun espazo transfronteirizo que ten demostrado ser xa unha verdadeira referencia en toda a Unión Europea”.

Ademais do AECT Rio Minho, adheríronse á REDCOT a Eurocidade Tui-Valença, o AECT Galiza Norte de Portugal e o Eixo Atlántico xunto a outras entidades hispano-lusas.

 

Salir de la versión móvil