O AECT Rio Minho e a Deputación de Pontevedra celebraron este martes o Día Mundial no Turismo destacando o grande potencial do territorio miñoto e a necesidade de poñer en valor a marca ‘Rio Minho’ como destino transfronteirizo de natureza e patrimonial. Fixérono dando os primeiros pasos para dúas novas actuacións na Eurocidade Tui-Valença: a creación dun Centro de Interpretación do Patrimonio Inmaterial Transfronteirizo e o acondicionamento dun novo sendeiro no concello de Tui.
O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Uxío Benítez fixo estes anuncios na xornada ‘Crescimento e Sustentabilidade’ organizada polo Grupo Editorial Vida Económica en parcería coa Câmara Municipal de Valença, na que participou como relator. Na súa intervención salientou o enorme potencial e atractivo turístico do territorio transfronteirizo baixo marca Rio Miño, que identifica “con acerto” a todo o territorio, os 16 concellos galegos do Miño e aos 10 portugueses, baixo o lema ‘Un rio, dous países, un destino’, cun público obxectivo interesado na natureza e o patrimonio.
“Temos unha cultura común e unha natureza que destacan nos recursos a valorizar. Imos poñer en marcha o Anel Verde de sendeiros e promocionar as tradicións cultural miñotas”, salientou o nacionalista, quen subliñou que “o grande potencial dará grandes beneficios se o territorio está unido e se promociona conxuntamente”.
Neste sentido, o director do AECT salientou que a marca Rio Minho xa está a ser utilizada para oferta produtos turísticos de todo o territorio miñoto nas oficinas de atención a visitantes de Tui e Valença e tamén nas de Salvaterra e Monçao. Estes puntos de información foron recentemente reformados grazas ao proxecto ‘Vive Miño’ financiado con fondos europeos do POCTEP.
Centro de Patrimonio Cultural Inmaterial na Eurocidade
Benítez explicou que o AECT está a traballar nestes momentos en varias iniciativas dentro da Estratexia 2030 de promoción do territorio transfronteirizo como destino turístico. De feito, na xornada de hoxe asinou o protocolo de colaboración entre o AECT Rio Minho, a Câmara Municipal de Valença e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... Nas Ondas! Para o desenvolvemento dun Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) no ámbito do proxecto LIVHES, cofinanciado polo Interreg 2014-2020.
En concreto, o acordo asinado hoxe permitirá que se cree unha Plataforma Dixital sobre o patrimonio inmaterial transfronteirizo na que Ponte... nas Ondas! será responsable de contidos, poñendo a disposición todo o material tanto para a versión dixital. Tamén se habilitarán unhas instalacións físicas na Eurocidade nas que haberá exposicións sobre tradicións orais, contos e lendas, cultura marítimo fluvial ou cultura agraria, entre outras cuestións.
Por outra parte, Benítez anunciou que nos vindeiros días se dará a coñecer o proxecto de acondicionamento dunha nova senda na marxe do río Miño situada en Tui. Este novo tramo incorporarase no Anel Verde do Miño, a rede de sendeiros transfronteirizos que pretende conformar unha ruta continua de preto de 400 quilómetros de vías ciclables coas que atraer turismo de natureza ao territorio.