O alumnado estranxeiro inaugura o Nadal na UVigo con chocolate quente e foliada

Publicidad

Cun evento lúdico e cultural, o alumnado internacional de intercambio deulle a benvida ao Nadal na Universidade de Vigo. Ducias de mozos e mozas de diferentes países reuníronse no edificio Miralles para tomar un chocolate quente e doces típicos do Nadal nun evento organizado pola Vicerreitoría de Internacionalización. A vicerreitora, Maribel del Pozo, foi a encargada de darlles a benvida e felicitarlles as festas a todas e todos eles, sobre todo aos que nas próximas semanas regresarán ás súas casas tras cursar na UVigo o primeiro cuadrimestre, un total de 245, aos que lles agradeceu ter escollido a Universidade olívica. “Agardo que pasarades un tempo marabilloso en Vigo, que fixerades moitos amigos e amigas e que fose un tempo satisfactorio no académico e no persoal. Desexamos que sempre levedes a Universidade de Vigo no voso corazón”. Para os que se quedan o curso completo, arredor de 40, adiantoulles que dende a vicerreitoría se seguirán facendo máis eventos temáticos coma este nos próximos meses, sobre todo a partir de xaneiro, cando cheguen aos campus os estudantes de intercambio do segundo cuadrimestre.

Ao acto tamén asistiron estudantes internacionais do Centro de Linguas da UVigo, aos que a vicerreitora lles agradeceu a súa presenza, de igual xeito que o fixo con todo o persoal da vicerreitoría e da Oficina de Relacións Internacionais “por organizar esta pequena festa” e do Centro de Linguas. Tamén se dirixiu ao alumnado Iago Pozo, director de Promoción da Internacionalización, que animou aos estudantes que marchan a regresar no futuro a Vigo a cursar un mestrado ou un doutoramento, e Amelia Rodríguez, directora da ORI.

O acto estivo amenizado pola Aula Permanente de Música Tradicional do campus de Pontevedra, o que lles permitiu aos asistentes coñecer os instrumentos e as cancións máis representativas do acervo popular galego. Tamén puideron probar os doces típicos do Nadal español, dende turrón e polvoróns ata mazapáns e mantecados, acompañados por chocolate. Ademais, o evento contou cun punto lila da man da Unidade de Igualdade.

289 estudantes estranxeiros 

En total, neste primeiro cuadrimestre elixiron completar os seus estudos na Universidade de Vigo son 289 estudantes de 30 nacionalidades de Europa, Asia e América. Vigo segue sendo o campus máis internacional, con 226 estudantes, seguido de Pontevedra con 38 e Ourense con 25. A maioría deles, 245, optaron por unha estadía durante o primeiro cuadrimestre, mentres que 38 elixiron quedarse todo o ano e seis xa se inscribiron para o segundo cuadrimestre, unha cifra que se incrementará ostensiblemente a comezos de ano. O principal país de procedencia do alumnado estranxeiro deste primeiro cuadrimestre é Italia, de onde veñen 65 estudantes, seguido de Alemaña con 48, Francia con 41 e Polonia con 27. As mozas son maioría, 175 do total, xunto con 113 mozos e unha persoa non binaria.

Salir de la versión móvil