O descontento co actual funcionamiento da sanidade pública chegou ata O Baixo Miño, onde se están esixindo melloras urxentes. Este mércores, os veciños tomaron a Praza do Calvario do Rosal co obxectivo de denunciar a situación da sanidade da comarca, que sinalan como "grave", e exisir solucións. Esta foi a primeira dunha rolda de concentracións impulsadas pola Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para denunciar o deterioro que está a sufrir a atención primaria nos centros de saúde.
Dende o Concello do Rosal explican que dende hai tempo se carecía de persoal sanitario que case se limitaba á atención das urxencias, relegando as consultas ordinarias, con esperas moi prolongadas. Unha situación que se viu agravada tras a decisión do Sergas de decretar que só se atendan consultas urxentes e relacionadas coa Covid-19 nas instalacións de A Guarda, O Rosal e Tomiño durante estes días.
Ante esta situación, os rexidores da Mancomunidade convocaron catro concentracións, durante xaneiro e febreiro, coas que pretenden "denunciar a situación de precariedade e o continuo desmantelamento da sanidade pública nos nosos municipios e trasladar ao Sergas e á Xunta a necesidade de adoptar medidas de forma urxente". Ademais, inciden en que esta situación "xa vén de lonxe", facendo alusión aos recortes da Xunta e a falta de persoal que xa había antes da pandemia. "A resposta non é restrinxir servizos, senón buscar solucións a curto e medio prazo", sentencian.
De esta maneira, a próxima concentración contra esta "situación de precariedade" será o mércores 26 de xaneiro en Tomiño, na Praza do Seixo ás 19:00 horas, seguida da concentración en Tui o mércores 9 de febreiro, na Praza da Inmaculada á mesma hora e na Praza Avelino Vicente da Guarda o 23 de febreiro tamén as 19:00 horas. Con estas concentracións buscan tamén poñer de relevo "unha situación transversal que afecta a toda a veciñanza, que compromete e pon en risco a nosa saúde actual e futura, e que con unidade temos máis forza para reinvindicar".