O BNG abre a VI Semana da Patria Galega en Vigo despregando unha estreleira xigante

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego vén de despregar este sábado no Berbés unha estreleira xigante como punto de inicio da VI edición da Semana da Patria Galega en Vigo organizada pola fronte nacionalista e a organización xuvenil Galiza Nova.

Con esta acción simbólica —parte da campaña nacional do BNG baixo o lema ‘Gañarnos o futuro. Unha nova Galiza en Marcha’— as nacionalistas invitan a participar nos próximos días na cidade dunha programación na que destacan un acto político co portavoz no Congreso, Néstor Rego, e distintas actividades culturais e carpas informativas como prólogo do 25 de xullo, data na que chaman a asistir á manifestación nacional convocada en Compostela.

“Precisamos un novo marco político que permita tomar as nosas propias decisións, ser donos dos nosos recursos, poñelos ao servizo da nosa sociedade e evitar que esta crise a paguemos os de sempre, as familias, as e os traballadores, as e os autónomos e as PEMES”, subliñou a deputada nacionalista e responsábel local, Carmela González, que convocou “a todas as persoas que queren unha saída xusta, social e galega desta crise económica” a participar das actividades e da manifestación programadas polo BNG.

“Cada vez son máis galegas e galegos os que se achegan ao BNG, que saben que somos a forza capaz de poñer unha nova Galiza en marcha”, defendeu González, que destacou o lugar elixido nesta edición para iniciar a Semana da Patria Galega na cidade. “Unha Praza do Berbés que simboliza o Vigo mariñeiro, o Vigo traballador que queremos as viguesas e os vigueses”, salientou.

Pola súa parte, a responsábel comarcal de Galiza Nova, Iria Custodio, asegurou que “a mocidade galega sofre día a día as consecuencias de pertencer a unha nación sen Estado”. Por iso, a voceira da organización xuvenil pediu “reivindicar a nosa identidade, lingua e cultura e loitar por unha mellora dos dereitos do pobo galego” en todos os espazos posíbeis, desde o traballo, as aulas, as rúas ou as redes sociais.

Como parte da programación da VI Semana da Patria Galega, o BNG e Galiza Nova organizan distintas actividades políticas e culturais en Vigo:

Andaina pola ‘Ruta dos fuxidos do Maúxo’  –  domingo 17 de xullo

Un roteiro para coñecer e percorrer as historias das persoas fuxidas tras o golpe fascista do ano 36 nas parroquias de Coruxo, Saiáns e San Miguel de Oia, así como poñer en valor elementos patrimoniais e etnográficos da zona.

Estará guiado polo historiador Bernardo Vázquez Acuña, con saída ás 10:00 horas do parque forestal de San Miguel de Oia.

Charla ‘As mulleres no nacionalismo’ – martes 19 de xullo

Galiza Nova organiza unha palestra para reivindicar o papel das mulleres na historia do nacionalismo a cargo da exdeputada do BNG, Carme Adán, e da responsábel de Galiza Nova na comarca de Vigo, Iria Custodio.

Terá lugar na Libraría Cartabón (rúa Urzáiz, 125) a partir das 20 horas.

Acto Público con Néstor Rego – xoves 21 de xullo

O portavoz nacionalista no Congreso, Néstor Rego; o responsábel do BNG na comarca de Vigo, Manuel Caride; a concelleira nacionalista en Redondela, Jessica García; e o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, intervirán nun acto político para reivindicar a soberanía de Galicia e o compromiso social da fronte en favor das clases populares e traballadoras.

Decorrerá na Praza de Compostela (Alameda) en Vigo, á altura do monumento a Curros Enríquez, ás 20 horas.

Carpas informativas

Aliás, a fronte nacionalista desenvolverá diferentes accións de rúa e instalará carpas informativas na Praza do Emigrante (luns 18 de xullo ás 19 horas) e no Mercado do Calvario (venres 22 de xullo ás 11 horas).

Salir de la versión móvil