O BNG acusa a Caballero de mentir coa escola infantil de Santa Marta: "Non hai motivo para fechar o centro"

Publicidad

"O Goberno municipal de Vigo vén de confirmar, por boca da concelleira de Urbanismo, María José Caride, que non hai motivo que xustifique o feche ou traslado da Escola Infantil Municipal 'Santa Marta' do Casco Vello". En resposta a unha interpelación do portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, na xuntanza do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo decorrida esta mañá, Caride ratificou que arestora non se iniciaron os trámites para o outorgamento de ningunha licenza de obra no Barrio do Cura.

O ámbito fica pendente da aprobación definitiva da modificación puntual do PXOU, trámite para o que a concelleira non expresou ningunha previsión temporal. Ademais, o convenio urbanístico estabelece que a promotora terá que ceder, e rehabilitar, tres vivendas no Barrio do Cura para ser nova sede da escola infantil de maneira simultánea ao outorgamento das licenzas.

É claro que o concelleiro de Educación, Gorka Gómez, e o alcalde, Abel Caballero, mentiron ao Pleno e á cidade cando xustificaron o feche da actual escola. Nin hai obras en marcha, nin licenzas outorgadas, nin polo momento solicitude de permiso para obrar”, manifestou Igrexas.

O edil nacionalista insiste na esixencia que xa recollía a moción do BNG no último Pleno de que “se o Concello non conta cunha alternativa viábel e adecuada, a escola Santa Marta siga no seu edificio actual prestando un servizo esencial para as familias do Casco Vello”. Neste sentido, Igrexas reclamou tamén que no proceso de matrícula que se vai abrir nos vindeiros días se oferten a totalidade das prazas actuais da EIM Santa Marta.

Falsas alternativas e máis improvisación

As opcións esgrimidas nas últimas horas polo Goberno de trasladar, inda que for parcialmente, as crianzas de Santa Marta para a nova escola infantil de Bembrive ou a de instalala nas dependencias do Instituto Municipal de Educación son para Igrexas “falsas alternativa e insisten na permanente improvisación”. “Primeiro o Picacho, despois a escola de Bembrive e esta mañá o IME. Vamos por ocorrencia por día”, reprochou. “É dunha irresponsabilidade colosal xogar desta maneira co futuro dunha escola infantil. Caballero faría o mesmo cun centro de saúde?” preguntouse o edil.

A fronte nacionalista lembra, ademais, que o PSOE rexeitou reiteradamente todas e cada unha das emendas do BNG aos orzamentos municipais dos últimos anos nas que propuñan a apertura de tres novas escolas infantís municipais. Unha negativa partillada polo PP na Xunta rexeitando a demanda das nacionalistas de que financiase a cargo dos seus orzamentos outros tres novos centros. “Nisto Caballero e Feixóo están plenamente de acordo, en dicir non unha e outra vez ás propostas do BNG para aumentar a oferta de prazas públicas de 0 a 3 anos nunha cidade na que 6 de cada 10 solicitudes quedan sen ela”, remacha Igrexas.

Salir de la versión móvil