O BNG acusa a Caballero de seguir cos baldeos malia asegurar que levan semanas suspendidos

CEDIDA // @PRJCT72

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego vén de acusar ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, de continuar cos baldeos de rúas malia asegurar este pasado xoves que levan dúas semanas suspendidos. A fronte nacionalista denuncia que, menos de 24 horas despois das declaracións do rexedor, operarios municipais realizaron baldeos na confluencia das rúas Pontevedra e Inés Pérez de Ceta, así como o pasado sábado 23 de xullo no mesmo lugar.

“Desde o BNG temos que reclamar a Abel Caballero que se deixe de frivolidades, de mentir de forma obscena e tomarlle o pelo á cidadanía cun tema tan serio como é o subministro de auga”, recriminou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. “Se de verdade existe un risco, o que ten é que aplicar as medidas previstas no Plan Municipal contra a Seca, non apenas facer recomendacións de carácter xenérico en rolda de prensa”, afeou.

Pola súa parte, o portavoz do grupo socialista de Vigo, Carlos López Font, asegurou este venres que "é absolutamente falso" que exista un "baldeo indiscriminado" nas rúas da cidade. O portavoz do Goberno local explicou que as imaxes de operarios traballando na rúas Pontevedra e Inés Pérez de Ceta corresponden a unha limpeza "singular, única e excepcional" debido a "sucidade acumulada pola concentración de persoas polo ocio nocturno" que foi realizada "a petición dos veciños".

Igrexas reiterou a oposición das nacionalistas ás propostas de novos transvasamentos e encoros que defende o alcalde fronte a eventuais secas. “É intragábel que mentres se seguen regando beirarrúas con auga de beber, ou se teñen xardíns absolutamente enchoupados por estar abertos durante días e sen ningún tipo de control os sistemas de rego, como ocorreu recentemente na praza da Miñoca, Caballero teime en alternativas ambientalmente insustentábeis”, lamentou.

O edil do Bloque cuestionou tamén a afirmación do rexedor dun teórico aforro dun 20% nos consumos de auga desde o ano 2012 grazas ás obras de humanización realizadas. Nese sentido, Igrexas anunciou que vai solicitar por escrito que o Goberno municipal aporte algún informe ou documento oficial que acredite ese suposto aforro porque na cidade hai “moitos quilómetros da rede en estado precario, con fugas e avarías permanentes”.

Medidas do BNG

Desde a fronte nacionalista reiteraron a urxencia de despregar solucións alternativas. Entre elas, a necesidade dunha auditoría integral da rede de subministro para minimizar as perdas de auga, tal como veñen reclamando nos últimos anos. Ademais, chamou a impulsar un plan de xestión “racional e susténtabel” da auga en chave comarcal e avanzar cara unha xestión pública “que deixe de facer da auga un gran negocio”. Sinalou tamén a urxencia de axilizar a mellora da estación potabilizadora, diante da incapacidade da actual para depurar adecuadamente as augas a partir dun determinado nivel de reservas.

O concelleiro do BNG fixo un chamamento a actuar con “seriedade e responsabilidade” ante a eventualidade de secas. Porén, apuntou que nestes momentos o encoro de Eiras está nun nivel equivalente á media dos últimos dez anos, polo que pediu proceder con previsión ante a posibilidade de que se rexistren problemas após o verán.

Salir de la versión móvil