O portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera, acusou hoxe ao novo goberno da Deputación de eliminar os plans Ágora de Mobilidade e o Revitaliza de residuos “deixándoos vexetar sen cartos e sen impulso”. O nacionalista explicou que a modificación de crédito que se aprobará este venres no Pleno provincial destinará “ata o último céntimo” dos case 2,3 millóns de euros dispoñibles en ambos proxectos a outras actuacións, entre elas o Plan de Infraestruturas Deportivas.
Mosquera destacou a importancia de ambos programas, que botaron a andar no 2015 dando resposta a necesidades dos concellos da provincia en materia de residuos e mobilidade con propostas innovadoras. Destacou que aínda hoxe están adheridos a ambas iniciativas concellos “de todo signo e condición” sen que se abrise batalla política nin confrontación ao poñelos en marcha. “Sabemos que había unha parte da executiva do PP que quería sabotealos, pero a maioría decidiu que non tiña sentido porque eran bos para todo o mundo”, puntualizou o voceiro do BNG.
Lembrou tamén o nacionalista que o Plan Revitaliza -de tratamento de residuos baseado na compostaxe- recibiu recoñecementos internacionais da axencia europea Zero Waste dous anos seguidos e motivou o interese de moi diferentes estados e cidades do mundo (China, Brasil, Príncipe...). Sobre o Plan Ágora, destinado a potenciar a recuperación do espazo público e a tratar as vías provinciais e municipais con criterios de seguranza viaria e comodidade para as persoas, salientou que recibiu tamén premios e distincións da DGT, o Estado, ou a Asociación Española da Carretera, e foi destacado como experiencia singular en foros internacionais en Perú, Suecia, Portugal e en varias cidades e provincias do estado español.
É por estes motivos que o anterior responsable político de ambos programas manifestou a súa incredulidade pola decisión do PP de destinar todos os fondos que quedaron dispoñibles nos dous plans (682.000 euros de Ágora e 1.606.000 euros do Revitaliza) a outras actuacións que, ao seu xuízo, “poderían agardar ao orzamento do ano próximo”. O cambio, sen embargo, farase efectivo mañá ao aprobarse a modificación de crédito no Pleno.
“Cárganse os dous programas máis exitosos que había cos concellos, dous símbolos recoñecidos externa e internamente da Deputación que funcionaban sen grandes problemas e tiñan éxito e aceptación administrativa e social. É unha realidade que non logro entender”, sallientou o nacionalista. Engadiu, no caso do Revitaliza, que tampouco se cubriu a baixa por xubilación do director do programa, Carlos Pérez.
Mosquera subliñou que “non hai posible xustificación” para retirar o financiamento a ambos programas, e destacou que os concellos van quedar este ano sen as axudas para a redacción de proxectos de mobilidade e as axudas para compostaxe. O portavoz do BNG quixo deixar aberta unha porta á esperanza e á incorporación de novos fondos no orzamento do próximo ano. Recoñeceu que a eliminación de ambos programas “non é algo tan bruto como a paralización do Museo, pero quitan o financiamento e deixan que esmorezan. Non é unha eliminación tan traumática, pero por inanición van esmorecer. Deixanos vexetar sen impulso e sen cartos. É máis sutil, pero ten o mesmo resultado”, salientou.