O BNG acusa ao Goberno local de Redondela de anunciar obras "electoralistas"

Publicidad

O BNG de Redondela vén de denunciar o "carácter electoralista" das obras de mellora da subida á Cidadelle. "Consultada a Plataforma de Contratación pública, non existe ningún anuncio de mesa de contratación desta obra polo que nos atopamos ante un mero anuncio de carácter electoralista”, lamentan dende a formación nacionalista para asegurar que o Goberno local "quixo dar a impresión do inicio inminente das obras, cando nin sequera existe un proxecto público”.

Porén, máis alá do anuncio, o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, demanda “unha reforma integral máis ambiciosa que inclúa toda a estrada desta parte alta de Chapela”. Refírese en concreto á proposta do Goberno socialista de dividir en varias fases as obras. “O resto de veciños e veciñas de Cidadelle tamén teñen dereito a que se teña en conta a súa situación de deterioro de infraestruturas”, sinala.

O BNG pide que non se "alonguen no tempo" as obras dividindo as actuacións en varias fases e insiste en que deben executarse reformas "integrais" que actúen tamén nas canalizacións de abastecemento de auga, alumeado público eficiente e accesibilidade a internet.  Por último, piden a rexedora local, Digna Rivas, que inclúa nas actuacións municipais o acordo impulsado polo BNG para mellorar a seguridade viaria en todo o Concello, nun modelo que permita que peóns e vehículos convivan.

Salir de la versión móvil