O BNG apela ao consenso para elaborar a nova ordenanza do taxi en Vigo

Publicidad

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, mantivo unha xuntanza con representantes da asociación Elite Taxi. No encontro, puxéronse en común as principais necesidades do sector na perspectiva da nova ordenanza municipal reguladora do servizo.

Igrexas criticou que as demandas do sector teñan sido reiteradamente desatendidas por parte do Goberno municipal e reclamou que a elaboración da nova normativa sexa participativa e aposte na modernización do sector. Neste sentido, afeou que o Goberno local xa estea a incumprir o marco normativo aprobado no último pleno e no que se estabelecía que durante o mes de xaneiro se tiña que ter realizado a consulta pública previa para a nova ordenanza. Diante dese incumprimento, Igrexas expresou o seu apoio á solicitude de que se constitúa unha mesa local do taxi, que conte coa participación de todas as asociacións do sector e tamén coa de colectivos veciñais e de consumidoras e consumidores.

Para o BNG a nova ordenanza debe permitir avanzar cara a un mellor servizo e enfrontar os reptos de futuro que encara o taxi. "A nosa aposta é clara por unha nova mobilidade que pase por reforzar o transporte público, tanto o servizo de autobús como o de taxi, para reducir o uso do coche particular", defendeu o portavoz municipal nacionalista. No concreto, Igrexas apuntou a necesidade de "blindar á cidade fronte a ameaza das VTC", estudar a posibilidade de aplicar bonificacións -por exemplo de usuarias recorrentes ou para desprazamentos por motivos médicos, ou mellorar a rede de paradas-, darlle prioridade no tránsito con novos carrís bus-taxi e mellorar as condicións de traballo tanto das persoas titulares das licenzas como do persoal asalariado.

Outro dos aspectos que subliñan desde a fronte nacionalista é a necesidade de "facer efectiva a regulación e que a ordenanza non fique en papel mollado". A este respeito apuntaron como cuestións como a existencia de "taxis piratas" doutros concellos que operan ilegalmente na cidade, ou a falla de respecto ás paradas.

Salir de la versión móvil