O goberno local de Vigo aprobou este luns a Conta Xeral do Concello e da Xerencia Municipal de Urbanismo correspondente ao ano 2022. Unhas contas que concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, definiu como de “bos resultados tanto no micro como no macro”. Pola contra, o Bloque Nacionalista Galego considerou como unha “estafa” a xestión do Goberno de Abel Caballero por "deixar sen executar 152 millóns de euros" en 2022. Así o afirmou este luns o portavoz do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, durante o debate no Pleno municipal. Dende o PP, Luisa Sánchez, mostrou a súa disconformidade cun "orzamento ineficiente".
Dende o BNG, Igrexas cuestionou a “crónica” inexecución orzamentaria do Goberno municipal, que ascende a 436 millóns de euros durante os últimos catro exercicios. “Iso non é aforro, é incumprimento; non é eficiencia, é incompetencia”, replicou o voceiro do BNG diante dos argumentos da bancada socialista asegurando que os investimentos se proxectan de forma plurianual. “Nunca na historia da cidade un Goberno dispuxo de tantos recursos e, tendo tanto, fixo tan pouco”, engadiu.
Por parte do Goberno da cidade, Aneiros manifestou que a cidadanía de Vigo recibe máis en servizos e melloras da cidade do que aporta en termos de impostos: “Temos unha presión fiscal baixa”, afirmou á vez que defendeu o pronto pago aos proveedores que traballan co Concello de Vigo. Aneiros puxo de manifesto que o pago se resolve nunha media de 10 días fronte a outras cidades como Santiago (71), Pontevedra (20), Lugo (15), ou Madrid (24), Murcia (31), ou Valencia (23). “Isto amosa un uso adecuado dos recursos públicos. Temos cubertas as necesidades na Tesourería e isto permítenos pagar pronto”.
"Inexecución olímpica"
O portavoz do BNG salientou algunhas das partidas que poñen en evidencia esa “inexecución olímpica”. Nese sentido, denunciou que o pasado ano quedaron sen gastar case nove millóns de euros do capítulo de persoal malia que o Concello ten máis de 300 prazas municipais pendentes de adxudicar. “Menos persoal público supón peores servizos para a veciñanza”, lamentou, poñendo como exemplo o caso da oficina de servizos sociais de Teis, pechada en numerosas xornadas durante os últimos meses por falla de persoal.
Referiuse tamén Igrexas ao capítulo de investimentos como un “indicador irrefutábel do alcance da estafa” do Goberno de Abel Caballero, con case o 70% sen executar. Así, dos 29 proxectos de humanización recollidos no orzamento de 2022, en 13 actuacións non se chegou a gastar nin a metade do previsto e a outras 9 non se destinou nin un só euro.
Denunciou ademais a "falla de compromisos en política de emprego malia a grave situación que se vive na cidade", con 9.500 postos de traballo menos dos que existían no ano 2009. Así, o voceiro do BNG afeou que dos 1,2 millóns do Plan Municipal de Emprego apenas se executaron 27.000 euros, mentres que nas partidas para inserción laboral xuvenil e para mulleres en situación de violencia machista foi de cero euros.
Na mesma liña, criticou que nun momento de agravamento da crise e de carestía de prezos, cun aumento da pobreza e do empobrecemento na cidade, o Goberno local “se permitira o luxo” de deixar sen executar case medio millón de euros en axudas sociais municipais. “Supoñemos que esa é a xustificación para recortar nun 22% esas axudas este 2023”, dixo.
Outro dos aspectos cuestionados pola fronte nacionalista foi o modelo “privatizador” do Goberno de Caballero. “Son verdadeiros campións conseguindo que o Concello de Vigo destine hoxe 2 de cada 3 euros das viguesas e vigueses para que acaben nos petos de empresas concesionarias e contratas privadas”, lamentou Igrexas.
“Son o Goberno da propaganda pagada con abundante diñeiro público porque prometen e prometen, a golpe de infografías e titulares, pero despois non fan”, resumiu o portavoz do grupo municipal do BNG de Vigo. “Por iso non imos aprobar unha Conta Xeral que demostra este Goberno non está á altura das necesidades das viguesas e vigueses”, remachou.
Fronte ás criticas do Grupo do BNG sobre a concesión de subvencións, o edil de facenda Vigo ten "as ratios máis altas de transparencia e de dación de contas aos órganos que avalían e reavalían e todo sempre dentro da máis estrita legalidade”.
Pola súa parte, dende o PP, Luisa Sánchez, defendeu que os datos están baseados nun informe do ano 2020-2021, polo que os datos relativos a paro "están disfrazados cuns ratios que non se corresponden co orzamento real de 2022".