O BNG chama a concentrar o "voto do cambio" e avisa que "non hai aínda nada feito"

Publicidad

“Hoxe comeza a conta atrás para o cambio galego”. O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, abriu este xoves en Vigo a campaña das eleccións galegas chamando á mobilización e a concentrar na papeleta do BNG o voto de todas as viguesas e vigueses que queren derrotar ao Partido Popular, incluso daquelas que en anteriores eleccións votaron a outras forzas políticas, para que o vindeiro 18F haxa un "cambio de época". “Que non se perda nin un só voto”, pediu.

Bará dirixiuse “ás persoas que lle queren a este país independentemente do que votase noutras eleccións, porque hai moitas maneira de sentirse galegas e galegos” para pedir o seu apoio. Sinalou que o BNG vai ir a por todas, a disputar e a gañar ao Partido Popular, chegando a todos os ámbitos e todos os sectores para propiciar non só un cambio de goberno, “senón un cambio de época con Ana Pontón como a primeira presidenta da historia, a que simboliza a esperanza do cambio”.

O cabeza de cartel insistiu en que o resultado destas eleccións vai decidirse por poucos votos e salientou que van ser decisivos dous factores, o primeiro que haxa un incremento da participación e que todo o voto do cambio se concentre na papeleta do Bloque, a "única alternativa real", dixo, para disputar a Presidencia da Xunta ao Partido Popular. “Se iso pasa, o cambio vai estar asegurado”, garantiu, advertindo que todo voto que se disperse favorece ao Partido Popular.

En chave local, destacou que o Bloque vai “poñer no centro” as propostas para Vigo, unhas propostas que se poden resumir nunha idea fundamental: cambiar a "política de confrontación estéril" por un unha política de "cooperación intelixente" da Xunta coa cidade de Vigo e a súa área metropolitana. O Bloque dende a Xunta, dixo, traballará “para facer de Vigo esa grande locomotora industrial de Galiza, para facer de Vigo un gran polo científico e tecnolóxico, facer desta cidade e a súa área o grande porto atlántico e tamén para facer de Vigo a ponte de comunicación e relación privilexiada co Norte de Portugal”.

Segundo o nacionalista, o ambiente cara o BNG é "extraordinario", mais sinalou que "non hai aínda nada feito", polo que anunciou a "mellor campaña da historia das e dos nacionalistas para ter tamén o mellor resultado da historia, superar todos os teitos electorais e derrotar o PP, chegando a superar incluso os 450.000 votos".

De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou a “importancia decisiva” do voto da cidade de cara aos comicios do 18F. “O voto das viguesas e vigueses vai ser absolutamente chave para abrir un novo tempo en Galiza e, por iso, se Vigo empurra o cambio galego será realidade con Ana Pontón como presidenta”, proclamou.

Igrexas tamén chamou a “concentrar no BNG todo voto que quere cambio para poñer fin ao brutal abandono de Vigo pola Xunta de Galiza”. “Temos na nosa man pasar páxina e deixar atrás 15 anos de abandono e castigo do Partido Popular en contra de Vigo e facer realidade un Goberno galego que sexa aliado da nosa cidade, poñendo punto e final ás políticas de recortes e privatización que nos converteron na zona cero da desfeita sanitaria, para blindar o noso futuro industrial e promover o emprego, ou para despregar unha enérxica política de vivenda pública”, explicou.

Salir de la versión móvil