O Bloque Nacionalista Galego chama a repensar e redeseñar o modelo de nadal de Vigo para evitar o caos e os graves problemas vividos no último ano. A fronte nacionalista pide apostar, agora que se abre un novo proceso de licitación pública, por un formato descentralizado, seguro, sustentábel e respectuoso co patrimonio en contraposición co actual “parque temático inhabitábel e insoportábel” para a veciñanza.
“A posición do BNG é clara e rotunda: nadal si, pero non así”, afirmou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que asegurou que “as viguesas e vigueses queremos poder desfrutar dun nadal sen colapso de tráfico, sen niveis de ruído que superan con moito os límites legais e sen que se dificulte o paso de ambulancias”, entre outras eivas. “Cremos que a experiencia deste ano debe provocar cambios, avanzando cara un modelo en beneficio do conxunto da cidade e non para satisfacer o ego de ninguén”, engadiu.
O edil nacionalista pediu levar as actividades e instalacións de nadal máis alá do quilómetro cero de Vigo para estimular tamén a actividade comercial nos barrios e parroquias e non só nas grandes áreas. Un modelo descentralizado que, subliñou, evite a masificación da zona centro e o colapso circulatorio que sufriu toda a cidade nos últimos dous meses.
Sobre estes problemas, Igrexas reiterou a proposta realizada este mesmo ano polo Bloque de elaborar un plan de mobilidade e seguridade con reforzos “de verdade” do transporte público e coa instalación de aparcamentos disuasorios nos accesos de Vigo. “Non se pode repetir o caos perigosísimo que padeceu a cidade durante semanas polo capricho de Abel Caballero e a súa incapacidade para rectificar”, advertiu.
Un nadal sustentábel fronte ás cifras récord
O candidato do BNG chamou tamén a priorizar a sustentabilidade ambiental sobre “as necesidades case patolóxicas de grandes masas e cifras récord” do Goberno local. “Un nadal potente non ten porque implicar vandalizar o arboredo da cidade, nin incumprir reiteradamente a ordenanza municipal de medio ambiente”, criticou. Nese sentido, pediu poñer fin á “deriva desquiciada” de sumar cada ano máis luces, apostando por reordenar con racionalidade os elementos decorativos para evitar a sobrecarga e a contaminación luminosa.
Desde a fronte nacionalista cuestionaron tamén que se permita “invadir” un espazo protexido como os xardíns históricos da Alameda para os converter “nun couto privado” para beneficio dunha empresa madrileña que paga un euro ao Concello por privatizar este espazo público.
Caballero minte
O concelleiro do Bloque acusou, ademais, ao goberno de Abel Caballero de “manipular deliberadamente” calquera crítica ou alternativa cun falso debate sobre o nadal. Así, recriminou ao alcalde que insista nunha “estratexia de falsidades e mentiras” como as acusacións, realizadas nunha entrevista esta fin de semana, de que o BNG quería que a Xunta pechara o nadal de Vigo.
“Non sabemos se o Goberno galego ten unha brigada de Grinchs encargada dese tipo de tarefas”, ironizou Igrexas. “O único que fixemos o BNG foi solicitar en novembro, de forma transparente e pública en rolda de prensa, que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informase de se o Concello contaba ou non (en realidade sabemos que non) coa autorización necesaria para instalar o Cíes Market na Alameda”, explicou o edil nacionalista. Unha petición que, reprochou, non recibiu ningunha resposta da Xunta do PP.
O candidato afeou que o “único peche foi o que impuxo Caballero contra da emblemática feira O Feito A Man que, por primeira vez en 38 anos, non estivo presente no nadal da cidade”. Unha situación que, como denunciou o propio BNG en decembro e confirmaron os propios organizadores, foi causada polos obstáculos do Goberno municipal. “As viguesas e vigueses merecen un nadal que poder vivir e non apenas visitar. Un nadal de Vigo e non só de Abel Caballero”, remachou.