O BNG clausura de forma simbólica Vigozoo para "que deixe de ser un campo de exterminio de animais"

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego e Galiza Nova veñen de clausurar VigoZoo este sábado cunha acción simbólica para reclamar a transformación deste espazo, convertido nun “campo de exterminio” de animais. A fronte nacionalista esixe ademais a reprobación da concelleira de Medio Ambiente pola “opacidade” a respecto das 13 mortes de animais nos últimos tres anos en circunstancias aínda por aclarar.

O concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, reprochou a negativa da edil Nuria Rodríguez a comparecer na Comisión Informativa do Pleno para dar explicacións sobre estes falecementos e por non ter facilitado o acceso aos informes solicitados polas nacionalistas hai 20 días. “Non podemos soportar máis que a nefasta xestión do Goberno de Abel Caballero teña convertido VigoZoo, que era xa unha moi precaria cárcere de animais, nun verdadeiro campo de exterminio”, denunciou.

Igrexas asegurou que esta problemática é produto do “abandono” do Goberno municipal, por non dotar de persoal nin de medios necesarios para garantir a calidade de vida dos animais que están en catividade nesta instalación municipal. De feito, desvelou, VigoZoo tan só contaba este sábado cunha coidadora e, segundo informacións do propio centro, a metade do persoal está nestes momentos de baixa polas difíciles condicións para realizar o seu traballo.

Fin ao modelo exhibicionista

O concelleiro do BNG esixiu nese sentido un “xiro de 180 graos” do actual modelo “caduco e exhibicionista”, na liña da proposta realizada durante os últimos anos polo Bloque a través de sucesivas emendas nos orzamentos municipais. “Urxe implementar a estratexia ZooXXI para transformar este espazo nun gran centro de conservación de fauna e de sensibilización ambiental”, defendeu, á vez que rexeitou os anuncios de PSOE e PP para reconvertelo nun parque multiaventuras e nun campamento, respectivamente.

Dende a fronte nacionalista chamaron ao Goberno municipal a dar resposta á “elevada sensibilidade ambiental e animalista” que hai na cidade, lembrando que o pasado decembro o Pleno aprobou unha moción do BNG que declaraba Vigo como cidade contraria a toda forma de maltrato animal.

Salir de la versión móvil