O BNG comprométese a impedir novos recheos na ría de Vigo cun "Grupo Galego forte" en Madrid

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego comprométese a defender a ría de Vigo de máis recheos portuarios. O candidato nº2 ao Congreso por Pontevedra, Brais Ruanova, asegurou que un Grupo Galego forte en Madrid a partir do 23 de xullo será unha “garantía” fronte aos recheos “sen xustificación” autorizados durante a pasada lexislatura polo Goberno español de PSOE e Unidas Podemos.

“Nunha cidade que xa roubou máis de 3 millóns de metros cadrados ao mar, non ten xustificación seguir cementando a nosa Ría”, defendeu Ruanova, que lembrou que estas prácticas seguen vixentes como demostra o recente recheo portuario no Berbés, de máis de 8 mil metros cadrados, que contou con luz verde do Executivo de Pedro Sánchez. “Un novo recheo que nin é necesario nin moito menos aceptábel desde o punto de vista ambiental”, cuestionou.

Unha actuación que contou coa oposición “firme” do BNG, a través do deputado nacionalista Néstor Rego, que reclamou a paralización do proxecto de recheo nesta pasada lexislatura. “Apostar por un BNG forte no Congreso este 23 de xullo é apostar poladefensa da nosa cidade e da nosa Ría”, asegurou o candidato vigués.

Non a novos recheos en Bouzas

No mesmo sentido, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou que estas eleccións son unha “oportunidade” para que as viguesas e vigueses “fagan valer” os intereses da cidade en Madrid. “A veciñanza pode ter a certeza de que o voto verdadeiramente comprometido coa sustentabilidade e coa nosa Ría, o voto que servirá para frear en seco a depredación do noso litoral é a papeleta do BNG”.

Igrexas reiterou ademais a oposición do Bloque ao proxecto da Autoridade Portuaria de estender o recheo de Bouzas por máis de 70 mil metros cadrados. “Da mesma forma que o BNG nos opuxemos de maneira firme e radical á agresión ambiental no Berbés, tamén dicimos tamén de maneira clara non aesta actuación”, advertiu o voceiro nacionalista.

“O futuro de Vigo só pode ser verde, rematou o tempo dos recheos”, remachou, enfatizando o compromiso do Bloque para que o Estado complete a rexeneración integral da Ría poñendo fin as verteduras de augas contaminadas e sen depurar que se seguen a producir.

Salir de la versión móvil