O Bloque Nacionalista Galego realizou esta mañá unha visita ao barrio de Navia. A deputada electa no Parlamento galego, Carmela González, o portavoz municipal no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, e o responsábel local da fronte nacionalista, Serafín Otero, mantiveron un encontro con representantes da Asociación Veciñal “Novo Vigo”. Na xuntanza as nacionalistas recolleron as principais demandas e reivindicacións deste importante barrio vigués e subliñaron o compromiso de lles dar traslado de maneira inmediata no Parlamento galego en canto se iniciar o novo período de sesións.
Ao remate da reunión, a deputada Carmela González, destacou a necesidade dunha nova zonificación escolar que evite que o alumnado do barrio se teña que deslocar moitos quilómetros para continúar os seus estudos após a secundaria. Nese sentido, González, reprochou que a Xunta do Partido Popular discrimine de maneira insultante o alumnado dos centros públicos adscribindo de xeito prioritario ao dos centros privados da contorna aos institutos de Coia. “Hai que acabar con esa discriminación. Se a zonificación ten que promover algo é precisamente o ensino público, non a educación privada”, afirmou.
Aliás, González volveu reclamar da Xunta de Galicia a construción dun novo instituto de educación secundaria en Navia, para atender a demanda do barrio coa poboación máis nova de toda a cidade. “É hora de que pasen dos anuncios e as promesas aos feitos. Navia non pode aturar máis abandono”, demandou a deputada electa.
Plan Parcial
Pola súa banda, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, instou a Xunta e Concello a abandonaren a súa permanente confrontación partidista e a que ambas as administracións cooperen para resolver as importantes necesidades do barrio. Entre elas salientou o reforzamento do centro de saúde, a creación dun grande centro sociocultural ou a mellora do transporte.
Igrexas tamén reaccionou á decisión do Goberno municipal de levar ao vindeiro Pleno da Corporación a aprobación definitiva do Plan Parcial de Navia. Neste sentido, o edil nacionalista denunciou que as máis de 3 mil alegacións veciñais continúan sen ser contestadas polo Concello. “Falamos dunha actuación que suporá sumar 1.600 vivendas máis nun ámbito que xa ten unha poboación importante, e o que dicimos desde o BNG é que non se pode poñer en marcha ese desenvolvemento urbanístico sen antes corrixir o déficit de dotacións e servizos públicos que ten o barrio”, explicou.