O Bloque Nacionalista Galego comprométese a retirar os proxectos de viais que "ameazan con tronzar" as parroquias rurais de Vigo. Así o afirmou este sábado nun acto público en Bembrive o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que asegurou que un Bloque “determinante” no Concello a partir do 28 de maio será garantía dun “rotundo non” á PO-010 e ao proxecto de nova A-52.
“Son viais innecesarios aos que o BNG nos opuxemos desde o primeiro momento e que se pretenden impoñer a través dun PXOM elaborado na escuridade dos despachos, sen participación, sen diálogo e sen transparencia e que insiste nun modelo de cidade de gris cemento e asfalto”, denunciou Igrexas, que interviu xunto ao candidato nacionalista á Entidade Local Menor de Bembrive, Roberto Fernández Vila, e a candidata suplente, Beni Expósito. “Para o BNG o futuro da cidade só pode ser verde”, subliñou.
Igrexas defendeu ademais que Bembrive e o resto do rural son tamén cidade e non periferia nin extraradio. “A veciñanza das parroquias non son viguesas e vigueses de segunda”, salientou, de vez que reafirmou o compromiso do BNG con poñer fin ao “abandono que padecen desde hai demasiados anos”.
O candidato nacionalista chamou tamén a reforzar a cooperación e a colaboración entre o Concello de Vigo e a Entidade Local Menor de Bembrive, actualizando o convenio e asegurando os recursos necesarios para atender as necesidades da parroquia. “Alargando os servizos públicos, como as conexións de transporte urbano, e acabando coa estafa política de presentar aquí como humanizacións o que non pasa no mellor dos casos dun simple asfaltado”.
Sobre o cabeza de lista do BNG á alcaldía pedánea, Igrexas puxo en valor que Roberto Fernández Vila representa a esa moita veciñanza que sabe que Bembrive merece moito máis. “Unha persoa nova, capaz, con enerxía e ideas, comprometida de verdade coa parroquia”, afirmou, asegurando que o Bloque vai construír un Bembrive do que sentir orgullo.
"Deixar atrás a corrupción"
Pola súa banda, Fernández Vila chamou a abrir un tempo novo en Bembrive que deixe atrás o “triste récord de corrupción” que supoñen os 20 anos de inhabilitación e varios de prisión que suman os dous últimos alcaldes pedáneos do PSOE. “Levan moitos anos tratando a Entidade Local Menor como o seu negocio particular, cunha xestión nefasta envolvida en reiterados casos de corrupción”, dixo.
O candidato pedáneo apostou ademais por protexer e valorizar o monte e as augas de Bembrive. Propuxo, nese sentido, crear unha colaboración pioneira coa UVigo para promover iniciativas relacionadas coa investigación e a innovación no eido da agroecoloxía e os sistemas agroforestais. “Mudando así o actual abandono pola xeración de riqueza local”.
Defendeu tamén despregar un maior apoio e participación das diferentes asociacións, en particular no ámbito da cultura. Ademais, Fernández Vila reafirmou o compromiso do BNG de seguir esixindo dende a Entidade Local que a Xunta de Galiza repoña o servizo de pediatría no centro de saúde de Bembrive.