O BNG de Vigo considera “insólito” e máis propio dun anuncio “disparatado para engordar un titular vistoso” a decisión do Goberno municipal de prohibir aos bañistas comer nos areais da cidade.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciaba onte no despregue das cuadrículas nas praias que se desaloxaría aos cidadáns que incumpriran a prohibición de consumir alimentos ás praias. O rexedor apuntaba a que non se permitirían tampouco bocadillos ou mesmo snacks e aludía ás recomendacións sanitarias. No mesmo senso, Caballero apuntaba a que os bañistas se deberían trasladar ás terrazas do paseo de Samil.
O portavoz nacionalista, Xabier P. Igrexas, explicou esta mañá que o BNG preguntará na comisión de informativa de Medio Ambiente cal é a fundamentación científica que xustifica unha decisión “sorprendente”.
Igrexas pregunta "cal pode ser o motivo polo que nenos e nenas non van poder merendar na praia ou non se poderían consumir líquidos?” e lembra que “as recomendacións sanitarias si mandatan que é recomendábel estar ben hidratado”. “Non se pode gobernar a cidade a golpe de ocorrencia “, finaliza o portavoz municipal do BNG.