Para o Bloque Nacionalista Galego a "fuxida" ao estranxeiro do Rei emérito, Juan Carlos I, deixa sen argumentos a quen se nega a retirar o seu busto da praza do Concello en Vigo, tal e como demandan desde o pasado mes de marzo, e insisten na súa necesidade “por hixiene democrática”.
Igrexas lembrou que o pasado 18 de marzo o Bloque foi a primeira forza política que demandou a retirada polo Concello de Vigo de todas as distincións e honras do monarca emérito, e concretamente o seu busto no acceso principal da casa consistorial así como dos seus retratos en dependencias municipais. Unha demanda que motivou unha moción da fronte nacionalista no Pleno, debatida o pasado 1 de xullo, e que foi rexeitada polos votos do PP e do PSOE, “empeñados” –segundo o portavoz municipal nacionalista – en “defender a figura dun monarca que hoxe está máis que desacreditado”.
Para o edil do BNG, “a fuxida do Borbón ao estranxeiro no día de onte ratifica os motivos que levaron ao BNG a reclamar a retirada do seu busto”. Nese sentido, preguntouse “a que agarda o Goberno municipal para atender un reclamo que hoxe é claro que moi maioritario na cidade”, e que considera unha acción simbólica dentro da “reprobación institucional e democrática que teñen que recibir comportamentos absolutamente inmorais e presuntamente delitivos como os que envolven a Juan Carlos I”.
Aliás, Igrexas defendeu que “onde ten que ir o Borbón non é a unha cómoda residencia no estranxeiro, senón que ten que comparecer diante dos xulgados a responder dos seus actos e das graves acusacións de corrupción”. A este respeito, o nacionalista avogou tamén por pasar páxina dunha “institución anacrónica e antidemocrática”, en alusión á monarquía española. “A nosa aposta é clara: República galega”, remachou.
Cazolada
Igrexas chamou a secundar a convocatoria dunha cazolada contra a monarquía, impulsada a nivel galego polo BNG, baixo o lema “Que xulguen os Borbóns. #GalizaNonTenRei #RepúblicaGalega”, para hoxe, martes, a partir das 21:00h desde as varandas e xanelas.
“O pasado 17 de marzo as rúas de Vigo xa enviaron unha mensaxe atronadora contra a corrupción da Casa Real. Hoxe temos que volver facer resoar a dignidade democrática fronte a impunidade de quen se cre con dereito a todo por razón de sangue e nacemento”, afirmou.