O Bloque Nacionalista Galego critica a designación de Nadia Calviño como pregoeira do Día Nacional de Galiza en Vigo. A fronte nacionalista cualifica de “desprezo e sectarismo” a escolla unilateral da vicepresidenta primeira do Goberno español por carecer de vínculos coa cidade e afea o adiamento do acto institucional do Concello até o 12 de agosto para encaixalo na axenda da ministra de Asuntos Económicos.
“Abel Caballero ten que explicarlle á cidade cales son os motivos e os méritos que acreditan a designación de Nadia Calviño como pregoeira do Día Nacional de Galiza na nosa cidade”, interpelou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. “É claro que o único motivo é a súa condición de vicepresidenta dun Goberno español presidido polo mesmo PSOE do que fai parte o alcalde”.
O edil nacionalista chamou a poñer fin ao uso “partidista” dos actos institucionais do Concello de Vigo por parte do PSOE. Nese sentido, reclamou ao rexedor que deixe de “confundir” Vigo coa súa formación política, como xa ocorreu hai poucos meses co outorgamento da Medalla da Cidade á Secretaria de Estado de Transportes, a socialista Isabel Pardo de Vera, que tampouco contaba con ningunha vinculación coa cidade.
Igrexas criticou tamén o adiamento do acto institucional do Concello polo Día Nacional de Galiza, denominación oficial do 25 de xullo, baixo o pretexto das altas temperaturas. “Como se fose algo insólito que vaia calor na nosa cidade a finais de xullo”, recriminou, de vez que afeou o “desprezo” de Caballero por ter reducido nos últimos anos o Día da Patria Galega a unha “especie de mitin casposo no que se reitera no seu discurso exacerbadamente hiperlocalista que só quere empequenecer Vigo”.
O concelleiro do BNG subliñou que o papel de Vigo non pode estar á medida do “ego” de ninguén e lamentou que “o soño do alcalde sexa converterse en emperador dunha cidade-estado medieval isolada de toda a súa contorna”. Por contra, demandou para a maior cidade de Galiza “o papel de motor de todo un País” e recuperar a condición de “pulmón industrial de Galiza, fervedoiro de vangarda cultural e capital galega da innovación e das tecnoloxías”.