O BNG cualifica de “grande chapuza” os novos horarios de Vitrasa

Publicidad

O BNG de Vigo quixo amosar este luns a súa disconformidade coas modificacións horarias aplicadas dende hai varias semanas nos autobuses urbanos da cidade. O concelleiro Xabier Pérez Igrexas cualificou os cambios de “grande chapuza” e denunciou que empeoran o servizo.

Igrexas sinalou que as alteracións deseñadas por Vitrasa e que foron aplicadas con autorización do Goberno municipal, traducíronse nunha “merma significativa do servizo”. No concreto, o portavoz municipal nacionalista afirmou que se impón un modelo de “horarios irregulares” que impiden que os usuarios saiban con anterioridade a que hora pasan os autobuses nas diferentes paradas, así como unha redución das frecuencias. Ademais, estas mudanzas, segundo Pérez Igrexas, están a dificultar o transbordo entre varias liñas alongando os tempos de viaxe.

A fronte nacionalista criticou que estes cambios se aplicasen sen ter consultado nin a usuarios e usuarias nin ao movemento veciñal da cidade. O BNG de Vigo quixo facer eco das crecentes protestas veciñais por causa dos novos horarios e sinalou que hai lugares como a parroquia de Candeán que se viron seriamente prexudicados con menos cobertura.

O voceiro nacionalista volveu reclamar que se acometa unha reorganización integral do servizo de autobús urbano na cidade revisando todas e cada unha das liñas, adecuando os seus percorridos para conectar mellor tanto os barrios e parroquias como servizos especiais como o hospital Álvaro Cunqueiro, o Campus da UVigo ou as estacións de transporte. “O momento de facelo é agora. Porque estamos a piques dunha nova concesión e temos a oportunidade de facer unha aposta decidida por mellorar o transporte urbano, para revolucionar a mobilidade de Vigo e reducir o uso do coche particular”, explicou Xabier Pérez Igrexas, que lamentou o “desleixo” do Goberno municipal.

Salir de la versión móvil