O BNG de Vigo afea os “disparates” de Caballero contra a Fiscalía polo Nadal e esíxelle diálogo coa veciñanza

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego acusa o alcalde de Vigo, Abel Caballero, de manipular sobre a sentenza relativa ao Nadal, dando a entender que esta resolución en primeira instancia é firme cando aínda está pendente de recurso no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG). Así o denunciou este xoves o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após as declaracións do rexedor cuestionando a imparcialidade da Fiscalía do alto tribunal, que vén de ratificar as motivacións dunha das demandas xudiciais polas consecuencias do pasado Nadal.

É un disparate inaceptábel e un insulto á intelixencia das viguesas e dos vigueses escoitar dun ex ministro do Goberno español que a Fiscalía non é un organismo independente porque lle dá a razón á veciñanza do centro e non ao Goberno municipal”, afeou Igrexas, que reclamou ao alcalde actuar coa “seriedade e responsabilidade” que corresponde o seu cargo. “Caballero coñece sobradamente que, tal e como estabelece o artigo 124 da CE, a Fiscalía ten como función actuar en favor do interese público de acordo á Lei”, engadiu.

O portavoz nacionalista asegurou que o alcalde o que ten que facer é “escoitar e dialogar de verdade” cos axentes sociais afectados, co fin de adoptar as medidas necesarias para evitar que o Nadal deste ano “se volva converter nun caos insoportábel e perigoso”. Nese sentido, lamentou que Caballero decidise volver a desprezar a colectivos veciñais, como vén de facer este xoves coa Asociación de Veciños Zona Centro de Vigo.

O Comité do Nadal será unha bufonada inútil se non se conta coa participación da veciñanza, de comerciantes de toda a cidade e de técnicos das áreas de Mobilidade e Seguridade, como demandamos desde o primeiro momento o BNG”, reiterou Igrexas en relación ao grupo organizador do Nadal, formado na actualidade só por membros do Goberno municipal.

Dende a fronte nacionalista insistiron na necesidade de rectificar o deseño “caprichoso” do Nadal, diante das numerosas molestias, o caos circulatorio e o risco para a seguridade das persoas que se viviu na última edición. “A posición do BNG é rotunda e clara: Nadal si, por suposto que si, pero non así”, remachou Igrexas.

Salir de la versión móvil