O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou en vésperas do 17 de maio que tanto PSOE e PP reducen o idioma a unha cuestión formal e cerimonial. "Hai uns días escoitamos a Abel Caballero reivindicar o legado de Xela Arias, homenaxeada nas letras galegas deste 2021. Fico certo de que Xela Arias, como outras moitas viguesas e vigueses, o que desexaría é poder habitar unha cidade na que for normal vivirmos plenamente no noso idioma”, afirmou.
Igrexas considera que o Concello de Vigo "é parte do problema lingüístico na cidade, cun marcado retroceso no uso da lingua propia de Galiza, por causa da falla de políticas activas en favor do galego". “O Goberno municipal incorre nun incumprimento permanente da ordenanza municipal de normalización lingüística, cun portavoz que é monolingüe en español, con roldas de prensa diarias do alcalde nas que non se pronuncia unha soa palabra en galego, ou coa exclusión do galego na programación de actividades culturais", afeou.
Un "desleixo contra a lingua" que fica retratado, segundo o portavoz municipal nacionalista, no feito de que o Goberno local dedique a actividades de normalización lingüística apenas o 5% do que destina ás denominadas becas de inglés. "Para promocionar o inglés Caballero dedica máis de 2 millóns de euros, mentres que o galego só recibe arredor de 120.000 euros, cunha área de normalización lingüística que carece de persoal e de recursos", reprochou.
Desde a fronte nacionalista lembran que o PSOE rexeitou reiteradamente nos últimos anos a proposta do BNG, a través de emendas aos orzamentos municipais, de incorporar unha partida de como mínimo 200.000 euros para a promoción do uso do galego na cidade, especialmente entre a xente nova. Aliás, denuncia a parálise na que se atopa o Consello Social da Lingua do Concello, que ten pendente a aprobación do seu regulamento e constitución formal, despois do intento do Goberno de deixar fóra deste organismo ao concelleiro do BNG.
O portavoz municipal do Bloque demandou que o Concello de Vigo se converta nun axente activo a prol da plena normalización e promoción do galego na cidade, para o que ten que “abandonar a política españolizadora e galegófoba que o único que pretende, con boas palabras, é acabar de matar a lingua por inanición".