O BNG de Vigo cualifica de "inxustificábel e inaceptábel" que, cando se cumpren apenas 10 días do inicio da campaña de vacinación contra a gripe deste ano, haxa xa moitas viguesas e vigueses que non puideron recibir a súa vacina malia teren cita concertada polo esgotamento das unidades da vacina. Unha realidade que se engade ás dificultades para lograr cita e que motivou importantes queixas por parte da veciñanza.
Esta situación é, en opinión do portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas,“máis un exemplo que demostra a situación límite da atención primaria, despois dunha década de recortes e dunha continuada política de desmantelamento da sanidade pública pola Xunta do Partido Popular”.
Esta mesma semana, a deputada Montse Prado interpelaba no Parlamento galego o conselleiro de Sanidade para lle esixir que a Xunta explique publicamente con que plan de continxencia, e con que medios adicionais, ía afrontar as necesidades derivadas non só da atención da segunda vaga da Covid19, senón tamén co seguimento e atención sanitaria para atención doutras patoloxías, de enfermos crónicos ou esta imprescindíbel campaña de vacinación contra a gripe.
Explicacións da Delegada da Xunta en Vigo
Nese mesmo sentido, Igrexas vén de reclamar que a Delegada Territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias dea a cara diante da cidadanía. “A Delegada da Xunta ten que explicar os motivos de porque despois de realizaren unha intensa campaña propagandística chamando a vacinarse, como é recomendábel, cando as viguesas e vigueses acoden ao seu centro de saúde non lla poden poñer porque non quedan existencias”, afirmou.
“En lugar de estar paseándose nesa xira de encontros xabonosos [en alusión a rolda de encontros institucionais que realiza desde a súa toma de posesión], a señora Fernández-Tapias, ten que dar explicacións á cidadanía de Vigo dos motivos polos que seguimos padecer unha sanidade recortada, que non conta cos medios necesarios, nin tan sequera para garantir algo tan básico e importante como é a vacina da gripe” esixiu o edil nacionalista.