O Bloque Nacionalista Galego criticou a falla dunha política “real” en materia de promoción do emprego por parte do Goberno municipal de Vigo. A fronte nacionalista denuncia a inexecución das partidas orzamentarias neste capítulo no ano 2020 e reclama a modificación das bases de axudas do Plan Municipal de Emprego para colectivos e entidades non lucrativas para as facer máis accesíbeis.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “absolutamente inxustificábel” a falla de política de Emprego por parte do Concello. “Hoxe en Vigo temos preto de 24 mil persoas rexistradas formalmente como desempregadas ás que temos que engadir moitas centenas máis de traballadores e traballadores en ERTE nunha situación de total incerteza sobre o seu futuro laboral”, alertou.
No actual contexto, de grave crise a nivel laboral, Igrexas afeou a falla de compromiso do Goberno municipal de Abel Caballero á hora de atender a “principal necesidade e preocupación das viguesas e dos vigueses que é crear emprego digno, con dereitos e estábel na cidade”. Neste sentido, o edil criticou que o pasado ano 2020 o Goberno local executara menos do 40% dos fondos do Plan Municipal de Emprego que, lembrou, estaba dotado cunha partida “ridícula e insuficiente” de apenas 1 millón 200 mil euros, “menos da metade do que Caballero quere gastar este ano en subvencionar aeroliñas privadas en Peinador”.
Desde o Bloque consideran, ademais, especialmente grave a "non execución dos programas de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia machista e para a mocidade", dos que non se gastou “nin un euro” en todo o ano pasado segundo se recolle nas contas oficiais do Concello.
Bases inaccesíbeis
Igrexas reclamou unha “rectificación” por parte do Goberno local para poñer o foco “nas verdadeiras necesidades das viguesas e dos vigueses que non comen con anuncios nin promesas de grandes proxectos”. Para iso chamou a “mobilizar todas os recursos e capacidades” do Concello para promover a creación de emprego na cidade que permita acabar co paro, poñer fin á precariedade e evitar máis emigración por falla de oportunidades.
A este respeito, o portavoz municipal nacionalista demandou na Comisión Informativa de Emprego, celebrada esta mañá, que se modifiquen as bases da convocatoria de subvencións para o fomento do emprego en entidades sen ánimo de lucro, recentemente aprobadas por resultar inaccesíbeis para un número importante de colectivos.
Estas bases cambiaron aspectos importantes en relación a convocatorias anteriores, tais como o período de contratación subvencionábel e os prazos de solicitude e xustificación das subvencións, resultando inasumíbeis para entidades que contan con medios organizativos e capacidades económicas moi limitadas. “Que pretende con estas bases Caballero e o seu concelleiro de Emprego, Abel Losada, volver deixar sen gastar a maior parte do xa insuficiente orzamento do Plan Municipal de Emprego?”, inquiriu Igrexas.