O Bloque Nacionalista Galego cualificou a presentación formal do documento de aprobación inicial do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo como unha “pantomima para disimular a total opacidade coa que o Goberno de Abel Caballero elaborou o novo planeamento”. Así o valorou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en declaracións remitidas aos medios de comunicación ao remate da comparecencia da equipa redactora do novo PXOM perante o Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo.
Igrexas sinalou como unha “anomalía” o feito de que o equipo redactor só comparecera en dúas ocasións, contando a de hoxe, desde que se iniciou o proceso de elaboración do novo documento. Aliás, considerou tamén “anómalo” que as forzas políticas non dispuxesen do documento de aprobación inicial con anterioridade a esta sesión de traballo. O edil nacionalista denunciou a "falla de vontade real de diálogo e contraste" por parte do Goberno municipal. “A concelleira de Urbanismo, María José Caride, nin contestou nin permitiu que a equipa redactora contestase a ningunha das cuestións e preguntas que formulamos as forzas políticas da oposición”, afeou.
A falta dun estudo en detalle da documentación entregada, desde o BNG expresaron "algunhas dúbidas" sobre a falla de motivación nalgúns cambios de cualificación urbanística en parcelas que pasan de urbanas a rústicas, a falla de explicacións claras en relación ao modelo de mobilidade que se pretende impulsar na cidade e a ausencia dunha resposta clara sobre como se vai resolver o encaixe da AP9 no seu treito urbano.
“Para alén de grandes cifras ou titulares grosos, que xa anticipou o alcalde onte, non percibimos da presentación de liñas xerais un verdadeiro proxecto de cidade”, lamentou o portavoz municipal nacionalista. Pérez Igrexas, expresou que é “decepcionante” que en toda a explicación non se percibiu que se aplicase nin perspectiva de xénero nin social a nivel urbanístico, e constatouse unha "comprensión limitada", en opinión das nacionalistas, da realidade barrial e parroquial. “Vigo non é un centro a colmatar cun cinturón perirubano homoxéneo. A cidade é unha vizosa confederación de barrios e parroquias e o planeamento non pode virarlle as cotas dous terzos do territorio”, apuntou.
Igrexas reiterou o chamado a aprender “da lección do plan de 2008” e apelou a apostar por un planeamento de “consenso”. “Pero para que haxa consenso ten que haber transparencia e participación, e o Goberno de Abel Caballero non quixo, até o momento, contar nin co resto de forzas políticas, nin co tecido asociativo, nin coa veciñanza”, alerta.
Sobre esa premisa, a fronte nacionalista reclama un verdadeiro proceso participativo que non reduza a exposición pública a “unha formalidade burocrática”. “Participación non é que as veciñas e veciños teñan que enfrontarse a un documento tecnicamente complexo de millares de páxinas. Hai que explicar o planeamento, levalo a pé de rúa, aos barrios e parroquias para escoitar a veciñanza. Hai que sacar o PXOM dos despachos”, reclaman desde o Bloque.