O BNG de Vigo demanda a Xunta e Goberno un plan para dinamizar o aeroporto de Peinador

Publicidad

O BNG valorou de forma negativa os resultados do aeroporto de Peinador no pasado ano 2019, nos que se rexistra un descenso por volta do 10% no número de pasaxeiros e pasaxeiras que sobardou, pola mínima, o limiar do millón. Diante desta situación, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, demandou un maior compromiso tanto por parte da Xunta de Galicia como do Goberno español a través de Aena para potenciar Peinador propoñendo a posta en marcha dun plano de dinamización da terminal viguesa.

Igrexas reitera que o futuro de Peinador pasa por artellar un “sistema aeroportuario galego” que poña fin á competencia entre terminais galegas e que aposte pola coordinación e a especialización dos tres aeroportos. “Insistir en competir entre aeroportos galegos é unha estratexia suicida para o noso país e para a nosa cidade. O problema de Peinador non é nin Lavacolla nin Alvedro, o competidor real que lle disputa pasaxeiros e pasaxeiras é o Sá Carneiro”, advertiu o portavoz municipal nacionalista. Desde o BNG sinalan a urxencia de poñer en marcha de novo o Comité de Rutas a nivel galego, como espazo para coordinar e sumar esforzos e evitar solapamentos.

A fronte nacionalista criticou tamén a “falla de apoio” que recibe Peinador tanto por parte da Xunta como do Goberno español, polo que demandan que ambas as dúas administracións cooperen e suman forzas para poñer en marcha un plano de dinamización do aeroporto de Peinador. Un plano que incorpore medidas concretas e tamén compromisos orzamentarios para o seu financiamento e que atenda cuestións como a mellora dos accesos á terminal viguesa, a súa conexión intermodal, a apertura as 24 horas ou o aproveitamento das súas potencialidades no transporte de mercadorías.

“É inexplicábel que Vigo teña unha mellor conexión por autobús co Sá Carneiro que co seu propio aeroporto”, reprochou Igrexas, lembrando que o BNG formulou unha emenda nos orzamentos da Xunta para este 2020 reclamando o financiamento dunha liña de bus exprés e que foi rexeitada polo Partido Popular.

Igrexas cualificou o aeroporto de “infraestrutura estratéxica” non só para a cidade de Vigo senón tamén “para o conxunto da área metropolitana e a Galicia sur”. Emporiso afirmou que “é o momento de facer unha aposta estratéxica, de poñer luces longas e de superar perspectivas curtas”, reclamando ao Goberno municipal de Vigo que abandone a “confrontación partidista” e tome a iniciativa en “chave de cidade” para demandar compromisos que potencien Peinador.

Salir de la versión móvil