O BNG de Vigo demanda medidas de mobilidade para evitar que se repita o "caos" no Nadal

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego demanda do Goberno municipal de Vigo a elaboración dun "verdadeiro Plan de mobilidade e seguridade" para os meses de Nadal, co obxectivo de evitar que se repita o "caos insoportábel e inseguro" vivido o pasado ano na cidade olívica.

O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu a necesidade dun plan "que evite as retencións quilométricas con atascos insoportábeis en diferentes puntos da cidade". Considera igualmente fundamental que se adopten medidas para garantir o tránsito áxil dos vehículos de emerxencia, especialmente ao ter que acudir ou atravesar a zona centro, evitando que se volvan repetir os "atrasos de até 20 minutos de media" que os propios profesionais das emerxencias sanitarias denunciaron o ano pasado.

Aliás, Igrexas voveu reiterar a "necesidade" de que se prevea a instalación de aparcamentos disuasorios e a posta en marcha de lanzadeiras de bus urbano para evitar que as aglomeracións de visitantes, sobre todo en fin de semana, "se convertan nun calvario e para non volver vivir situacións gravísimas como ver decenas de vehículos aparcando en túneles". Por último o nacionalista reclamou que se garanta a seguridade vial e nomeadamente o tránsito peonil das persoas, "evitando as masificacións que provoca un deseño caprichoso" do Nadal por parte do propio Goberno municipal.

"Estamos a 9 de outubro e por iso cremos que non pode haber escusas. O Goberno de Abel Caballero ten que deseñar un operativo municipal que evite que o seu nadal converta un ano máis a cidade de Vigo nun parque temático inseguro e inhabitábel", resumiu o portavoz municipal nacionalista. Desde o BNG trasladan a proposta concreta de que se convoqueo anunciado Comité do Nadal, pero coa presenza tanto da veciñanza do Centro como sobre todo de representantes dos servizos de emerxencias sanitarias, bombeiros, protección civil, Vitrasa, das cooperativas de Taxi e da Policía Local.

Salir de la versión móvil