O Bloque Nacionalista Galego denuncia unha nova “agresión ambiental” no Lagares, nesta ocasión a mans do propio Concello de Vigo. Así o denunciou este luns o portavoz municipal das nacionalistas, Xabier P. Igrexas, que cuestionou a realización de obras municipais na ribeira do curso fluvial malia a prohibición “clara e taxativa” do Servizo de Conservación da Natureza entre os meses de abril e xuño, por tratarse do período de reprodución e cría da fauna.
“O BNG temos constancia de que a pasada semana se estiveron a realizar traballos, nas inmediacións da rúa Gandarón, con presenza de maquinaria pesada e movementos de terra”, criticou Igrexas, que vén de dirixir un escrito de denuncia ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para esixir explicacións e urxir a que se poña fin aos traballos na contorna do Lagares.
“Estas actuacións son abertamente ilegais”, subliñou o voceiro do BNG, en base ao informe de autorización do departamento dependente da Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galiza. Acompañou a denuncia de imaxes que acreditan a presenza de maquinaria de obra os pasados días 29 e 30 de maio.
“Non pode ser que facer avanzar obras inaugurábeis, como o paseo fluvial, se poña por diante da protección dos valores ambientais dun espazo e dun ecosistema tan relevante para a nosa cidade como é o río Lagares”, esixiu Igrexas neste Día Mundial do Medio Ambiente.