O BNG de Vigo despregará unha ofensiva institucional para frear o novo recheo do Berbés

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego despregará de maneira urxente unha ofensiva institucional co obxectivo de evitaren a execución do proxecto de novo recheo portuario no Berbés. A fronte nacionalista anunciouno esta mañá após de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica veña de autorizar o aterramento promovido pola Autoridade Portuaria de Vigo, no pantalán número 2 da dársena de Bouzas.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que en novembro do pasado ano 2019 o BNG levou a Pleno unha moción promovida pola Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, para expresar o rexeitamento da cidade á pretensión do presidente da Autoridade Portuaria, o popular Enrique López Veiga, de acometer novos recheos en Bouzas, en Rande e no Berbés. O pasado mes de xullo, o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, rexistraba unha iniciativa dando traslado desta posición ao Goberno español, precisamente cando o proxecto do Berbés estaba en fase de avaliación polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

En resposta á iniciativa do BNG, o Goberno español aseguraba a finais de setembro que ían avaliar “a motivación de necesidade” da ampliación portuaria no Berbés, e recoñecía que o porto vigués continúa sen dispor dunha Delimitación de Espazos e Usos Portuarios. “Un documento imprescindíbel precisamente para reordenar o uso que se está a facer da superficie portuaria e que deixaría en evidencia a total falla de xustificación de novos recheos”, apuntou Igrexas.

“O Goberno español, de PSOE e Unidas Podemos, acaba de darlle luz verde a unha agresión ambiental sen xustificación algunha, cun recheo de 8.300 metros cadrados e que suporá operacións de dragado para aumentar o calado de atraque”, denunciou o edil nacionalista.

Diante desta situación o Bloque despregará, de inmediato, unha ofensiva institucional para frear este recheo. “Imos demandar unha posición clara e firme do Goberno municipal para que rexeite de maneira contundente esta agresión ambiental que unha clamorosa maioría da cidadanía non apoia. Levaremos esta cuestión ao Parlamento galego para que a Xunta do PP se posicione entre o que defende López Veiga e a oposición que declara o seu grupo municipal en Vigo. E volveremos levar un non rotundo aos recheos ao Congreso”, anunciou Igrexas.

O tempo dos recheos rematou. Non podemos permitir seguir cementando nin un centímetro máis da nosa Ría, cando Vigo xa lle gañamos ao mar máis de 3 millóns de metros cadrados”, remachou.

Salir de la versión móvil