O Bloque Nacionalista Galego vén de elixir por unanimidade a Xabier P. Igrexas como candidato á Alcaldía de Vigo nas vindeiras eleccións municipais de 2023 co obxectivo de ‘resetear’ en positivo a cidade. A Asemblea Local da fronte nacionalista decorrida na tarde noite deste xoves renova así a confianza no actual portavoz municipal e concelleiro, poñendo en valor as 750 iniciativas despregadas durante o actual mandato para darlle un novo impulso a Vigo.
«O BNG demostramos que temos un proxecto de cidade e somos unha alternativa sólida para Vigo», defendeu Igrexas após ser nomeado pola militancia. «Non houbo desde a nosa volta ao Concello unha soa necesidade, problema ou tema de cidade para o que non achegásemos a nosa proposta construtiva, cun traballo a pé de rúa que enraizamos no contacto directo co tecido asociativo e co que logramos converternos nunha referencia política moi por riba do noso peso númerico», destacou.
O candidato do Bloque asegurou que aspiran a «sumar apoios para multiplicar» nun proceso «amplo e de portas abertas» para avanzar nunha «verdadeira transformación da cidade». Igrexas chamou así a construír a través do proxecto nacionalista un Vigo máis habitábel, verde, con máis cultura e deporte, con emprego e oportunidades para a mocidade, en galego, cun compromiso radicalmente feminista e facendo do Concello un parapeto social fronte á crise con políticas en favor das clases populares e traballadoras.
«O BNG non queremos ser o pepito grillo que sinale ao emperador espido, o BNG imos ser a alternativa que vai volver poñer en marcha Vigo, que vai colocar o Concello ao servizo da veciñanza e non ao ego de ninguén», apostou o cabeza de lista, que contrapuxo o proxecto do BNG coa «actual inercia paralizante do Goberno municipal do PSOE que se demostrou absolutamente inútil e coa política de abandono que aplica a Xunta do PP contra a maior cidade de Galiza».
Vigo máis alá
Igrexas chamou á militancia a centrar todo o esforzo e enerxía en trasladar a alternativa do BNG cara as municipais de 2023 para levar a Vigo máis alá. «Máis alá das luces, dos dinosetos, dos platós televisivos e dos vídeos virais», reprochou en relación ao modelo de cidade dos últimos 15 anos que cualificou de «caduco e obsoleto».
Un «Vigo de futuro» que, detallou, ten que recuperar a súa forza como pulmón industrial de Galiza e desenvolver as súas inmensas potencialidades para se converter na capital galega da innovación, a tecnoloxías e as comunicacións. Defendeu tamén a necesidade de máis democracia e participación «deixando atrás dunha vez por todas este asfixiante autoritarismo, sabendo que a cidade sempre avanzou cando fomos capaces de tecer desde a pluralidade».
«A cidade merece moito máis»
O candidato do BNG subliñou que traballan coa certeza de que hai moitas viguesas e vigueses que cren que a cidade merece moito máis. «As que saben que o gravísimo problema da vivenda non se resolve con aparicións en El Hormiguero, as que se avergoñan de que a cultura se reduza a atrezo para un teloneiro caprichoso, as que se indignan diante do arboricidio permanente ou as que non poden entender como se deixan de gastar centos de millóns de euros mentres os nosos barrios e parroquias seguen abandonados», asegurou.
Igrexas apelou ás 32 mil persoas que votaron polo Bloque nas últimas eleccións galegas a apoiar o proxecto nacionalista nas vindeiras municipais como paso previo a «facer de Vigo o motor do cambio galego que faga presidenta da Xunta a Ana Pontón».
«No BNG non hai nin autoproclamacións nin dedazos»
O cabeza de lista agradeceu a confianza da Asemblea Local da fronte nacionalista, da que destacou a «grande unidade interna e a cohesión desde a diversidade plural arredor dun proxecto colectivo e compartido». Puxo en valor que no BNG «non hai nin autoproclamacións nin dedazos» como organización política asemblearia e radicalmente democrática. «A nosa tarefa e o noso compromiso é o de abrirnos un novo tempo na cidade de Vigo», chamou Igrexas á militancia. «Temos as ideas, a experiencia, a capacidade e as persoas para logralo», remachou.