O BNG de Vigo esixe a Caballero que deixe de ser “cómplice da piratería empresarial” de Vitrasa

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo esixe ao alcalde, Abel Caballero, que deixe de ser “cómplice da piratería empresarial” de Vitrasa. A fronte nacionalista acusa ao Goberno municipal de consentir que a concesionaria do bus urbano preste menos servizo que en 2019, malia incrementar o prezo do billete e manter a subvención de 13 millóns do Concello.

Así o denunciou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, tras manter este mércores unha xuntanza con representantes do Comité de Empresa, a quen lles trasladou o total respaldo as súas reivindicacións, e participar na concentración convocada polo propio persoal nas portas do Concello. “Este conflito laboral ten como responsábel á empresa concesionaria pero tamén por parte dun alcalde e dun Goberno municipal que actúan de maneira deliberada en favor da dirección de Vitrasa”, reprochou.

O edil nacionalista afeou en declaracións aos medios de comunicación as recentes declaracións do rexedor en relación aos salarios das traballadoras e traballadores do servizo de bus urbano. “Abel Caballero pasou da súa falsa neutralidade neste conflito a intentar de maneira absolutamente intolerábel cuestionar as lexítimas demandas do persoal a mellorar as súas condicións laborais”, criticou.

Igrexas recriminou que o alcalde insinuase nese sentido que os salarios en Vitrasa son “dignos”, malia os intentos da concesionaria de aplicar de forma unilateral un descolgue salarial que foi rexeitado finalmente pola xustiza. “Para salarios dignosos do grupo municipal socialista, que están moi enriba das retribucións que perciben traballadores e traballadoras con xornadas de máis de 10 horas, onde non se perciben nocturnidades, onde non poden nin tan sequera realizar as paradas de descanso durante a xornada e onde sistematicamente os seus dereitos laborais están a ser vulnerados”, afeou.

O candidato do BNG reiterou a urxencia de que o Goberno municipal actúe para desbloquear o conflito laboral, tras cinco meses de paros parciais e máis de dous anos de protestas do persoal. “Un goberno que se di progresista ten que defender o dereito das traballadoras e dos traballadores e a calidade deste servizo público que é de titularidade municipal”, defendeu.

Salir de la versión móvil