O Bloque Nacionalista Galego impugnará a tramitación do proxecto de orzamentos municipais do Concello de Vigo de 2024, logo de que o Goberno municipal "vulnerase deliberadamente o procedemento regulamentario, e os dereitos do Grupo Municipal do BNG, ao convocar irregularmente a Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda con apenas 14 minutos de antelación", aseguran.
Así o anunciou o Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou de “cacicada de manual” o proceder do Executivo. “É intolerábel que se trate a unha Comisión Informativa do Pleno como un trámite menor, porque supón desprezar a propia cidadanía representada polo conxunto dos grupos municipais da Corporación e non só polo PSOE”, reprochou.
Igrexas explicou que a convocatoria formal da Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda, que tiña por obxecto acordar o calendario de tramitación do proxecto de presupostos para o vindeiro ano e recepcionar toda a documentación do mesmo, foi remitida por correo electrónico ás 14:16 horas deste martes, cando a sesión se convocaba para as 14:30 horas, isto é 14 minutos despois.
Aliás, non se motivou en ningún caso o carácter “extraordinario e urxente” desta convocatoria, toda vez a tramitación orzamentaria está taxada e regulada especificamente no Regulamento Orgánico do Pleno. “Parece claro que a única urxencia era que o Alcalde puidese falar dos orzamentos para os medios de comunicación antes de que a Comisión de Orzamentos e Facenda os coñecese”, acrecentou.
Impugnación
Desde o BNG denuncian este proceder que vulnera os artigos 36 e 82 do Regulamento Orgánico do Pleno do Concello e tamén o artigo 46.2 epígrafe B da Lei de Bases de Réxime Local, que estabelecen que a convocatoria debe comunicarse con dous días de antelación facilitando toda a documentación con ela. Por iso, xa están elaborando cos seus servizos xurídicos un escrito de impugnación para anular os acordos que se puidesen ter celebrado na xuntanza á que non acudiu, polo seu carácter irregular, ningún representante do grupo municipal nacionalista.
Así llo advertiu expresamente o portavoz municipal do BNG, a través de dúas comunicacións desde o correo electrónico corporativo ao portavoz do Goberno, Carlos Font, e ao concelleiro delegado de Facenda, Jaime Aneiros, na que esixía que a Comisión de Orzamentos e Facenda se convocase con “estrito axuste ás previsións regulamentarias e, unha vez materializada a convocatoria ilegal, demandaba a súa anulación". Solicitudes que non foron nin tan sequera respondidas polo Goberno municipal.
“Desnorte autoritario de Caballero”
Igrexas encadra este comportamento no “desnorte autoritario do alcalde que reduce os organismos municipais a papel mollado e non ten reparos en vulnerar os dereitos fundamentais de outros concelleiros e concelleiras” e denuncia que fai parte da tramitación “opaca” dos orzamentos. “Non só pretenden impoñer de novo uns orzamentos que son só do PSOE, sen contar con ninguén, senón que queren facelo pasando por riba da legalidade. No que dependa do BNG non llo imos consentir”, advirte.
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista lembra que o BNG propuxo que se puxera en marcha un mecanismo de “Orzamentos Participativos” que permitira que a decisión sobre o uso dos recursos municipais non se decida “polo dedazo de Caballero e a súa mini Corte”.