O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de presentar este venres as bases do seu programa aberto e participativo a 100 días das eleccións municipais do 28 de maio. A fronte nacionalista chama a participar na elaboración da súa alternativa para construír un Vigo máis habitábel e verde, igualitario e socialmente xusto, e que recupere o seu papel como pulmón industrial de Galiza, como vangarda da creación cultural e como motor de todo un País, as ideas forza da proposta do Bloque que aspira a levar ‘Vigo máis alá’.
“O noso proxecto é aberto, positivo e construtivo. Unha alternativa sólida e rigorosa para lograrmos darlle un novo impulso á cidade”, explicou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante un almorzo informativo cos medios de comunicación. “O 2023 vai ser o ano no que as viguesas e vigueses van poder trazar, co seu voto, un novo rumbo e definir un novo horizonte para a nosa cidade evitando que sigamos quedando atrás”, afirmou.
Igrexas asegurou que os próximos comicios son unha oportunidade para superar a actual “inercia paralizante e a política frívola que pretende reducir Vigo a un parque temático”. Nese sentido, defendeu a necesidade de “resetear en positivo a cidade poñendo as persoas no centro das políticas municipais, atendendo as necesidades reais, acabando co abandono dos barrios e parroquias e devolvendo a Vigo o seu papel como maior cidade de Galiza”.
Un Vigo máis habitábel e verde
O BNG de Vigo aposta na súa alternativa por ofrecer solucións ao “grave” problema da vivenda na cidade, promovendo o acceso social cun urbanismo en favor do interese xeral. O candidato nacionalista chamou ademais a “democratizar o espazo público” e “revolucionar a mobilidade”, potenciando o transporte colectivo e con novas peonalizacións na cidade.
En materia de medio ambiente, o Bloque ve necesario rematar co “arboricidio” dos últimos anos, cunha proposta que naturalice as rúas e prazas de Vigo, reconciliando a cidade co seu litoral, protexendo e valorizando os montes e convertendo nun pulmón o río Lagares.
Un Vigo igualitario e socialmente xusto
A alternativa do BNG recolle a necesidade de políticas “radicalmente feministas” que sitúen como prioridade o combate de todas as violencias machistas e da desigualdade, así como a reivindicación dunha cidade “orgullosamente diversa”, ante á LGBTfobia e a xenofobia, e “inclusiva” da diversidade funcional.
Igrexas defendeu tamén converter o Concello nun “verdadeiro parapeto social” fronte ao agravamento da crise e da pobreza en Vigo, mobilizando os “inxentes” recursos e capacidades da administración local para protexer aos sectores máis vulnerábeis e creando oportunidades para que a mocidade non se vexa expulsada á emigración.
Un Vigo pulmón industrial de Galiza
Diante do devalar produtivo da cidade, a fronte nacionalista ve imprescindíbel despregar plans para a reactivación económica e para blindar o futuro de actividades estratéxicas como a automoción, o naval e a pesca. Medidas que, a xuízo do Bloque, permitirán avanzar cara a creación de postos de traballo dignos e con dereitos. Nesa liña, aspiran a desenvolver as “enormes potencialidades” de Vigo como cidade universitaria para se converter na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións.
De igual forma, o BNG aposta por potenciar o pequeno e mediano comercio como axente vertebrador e dinamizador dos barrios fronte ao modelo “fracasado” de grandes áreas comerciais. E pulando tamén por un turismo sustentábel que xere valor engadido en contraposición co actual proceso de turistificación masiva.
Un Vigo vangarda da creación cultural
O candidato destacou a aposta do BNG por políticas que revertan a “desertización cultural” que padece a cidade nos últimos anos, estimulando a creación, o talento artístico e brindando oportunidades ás novas creadoras e creadores, descentralizando a programación cultural para facilitar o acceso das clases populares e traballadoras e revitalizando a rede de museos.
Igrexas defendeu tamén medidas que garantan o dereito da veciñanza a vivir plenamente en galego, avanzando na efectiva normalización da nosa lingua e poñendo en valor a nosa tradición e patrimonio cultural como a música e a danza.
Un Vigo motor de todo un País
Desde a fronte nacionalista aspiran a poñer fin á “permanente lea partidista que empequenece a cidade”, cunha visión da cidade que a sitúe como “verdadeiro motor de cambio e transformación de Galiza”. Esixindo a fin do “abandono” da cidade por parte da Xunta e do Goberno español nos distintos orzamentos, liderando desde a cooperación e o diálogo a realidade metropolitana de Vigo e apostando por ser un polo de desenvolvemento dentro da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.
Proceso participativo
O BNG de Vigo chama a participar do proceso de elaboración do seu programa electoral aberto, para o que vén de habilitar un espazo na súa páxina web (premer aquí) co obxectivo de recoller as propostas e achegas da veciñanza, así como dunha campaña en redes sociais baixo o cancelo #IdeasVigo. “Queremos elaborar o noso programa do mesmo xeito que defendemos que se debe gobernar esta cidade: escoitando e dialogando de maneira permanente”, explicou o candidato nacionalista. “Tendemos a man ás moitas viguesas e vigueses que saben e, sobre todo, que senten que Vigo merece máis, convencidas de que xuntas, entre todas e todos, sumando en positivo imos facelo posíbel”, remachou.