O BNG de Vigo propón a posta en marcha de tres novas bibliotecas en Teis, Navia e Coia en 2023

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo propón a posta en marcha de tres novas bibliotecas en Teis, Navia e Coia en 2023 como punto de partida para crear unha rede municipal que chegue a todos os barrios e parroquias da cidade. No Día das Bibliotecas, a fronte nacionalista reitera a necesidade de facer unha aposta “decidida” pola cultura en Vigo, que só conta hoxe cunha biblioteca municipal cando debera ter 20 para cumprir coas recomendacións dos principais organismos internacionais

“As bibliotecas foron e son un verdadeiro democratizador cultural, o máis potente instrumento para facilitar o acceso das clases populares e traballadoras ao coñecemento”, reivindicou o concelleiro e candidato á Alcaldía do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. Nese sentido, chamou a dotar como mínimo dunha biblioteca de barrio cada 15 mil habitantes para atender a demanda deste servizo no conxunto da cidade, tal como aconsellan entidades como a Asociación Internacional de Bibliotecas (Intamel), a Federación Internacional de Asociaciones de Bibliotecarios (FIAB) e a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galiza (Bamad).

Igrexas lamentou que o goberno de Abel Caballero só teña aberto salas de lectura na última década, abandonando así o proxecto iniciado polo BNG desde a concellería de Cultura coa posta en marcha da única biblioteca municipal, a Neira Vilas no Calvario. Unha dotación que, para as nacionalistas, representaba o primeiro paso para dotar a Vigo dunha “ambiciosa” rede como a que dispoñen outras cidades galegas, españolas e europeas.

“O Concello de Vigo só abriu neste tempo salas de estudo que non teñen nin tan sequera libros nin persoal bibliotecario”, recriminou o edil do Bloque. Nese sentido, pediu rematar con esta deficiencia e con “promesas que xa ninguén cre”, como a biblioteca para Navia que acabou sendo unha sala de lectura ou a biblioteca en Teis, comprometida numerosas veces mais que a día de hoxe non se adquiriron nin os terreos nin garantido que vaia ter os servizos propios dunha biblioteca.

Por contra, o candidato do BNG por Vigo trasladou a proposta para que os vindeiros orzamentos municipais para 2023 destinen recursos para poñer en marcha tres novas bibliotecas en Teis, Navia e Coia como primeira pedra para avanzar, ano tras ano, nese proxecto de rede municipal. “Sen cultura non pode haber cidadanía, e sen cidadanía desde logo non pode haber cidade”, remachou.

Salir de la versión móvil