Na perspectiva de que unha vez superada a emerxencia sanitaria do coronavirus a cidade de Vigo enfrontará unha situación moi complexa en termos económicos, produtivos e laborais, o Bloque Nacionalista Galego vén de propoñer que o Concello de Vigo poña en marcha unha Estratexia de Promoción Económica e do Emprego.
“Temos que evitar que as consecuencias da crise do coronavirus se traduzan na destrución de emprego, no feche do tecido comercial ou na desertización da nosa base produtiva”, reivindicou o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas. Nese sentido, chamou a “redobrar esforzos, poñendo todos os medios e activar todas as capacidades que ten o Concello para asegurar que unha vez que superemos a crise sanitaria as consecuencias laborais, produtivas e económicas sexan as menores e esteamos en condicións dunha recuperación rápida e sólida”, acrecentou.
Sobre ese obxectivo, a fronte nacionalista propón unha serie de medidas concretas entre as que inclúen redimensionar os programas do actual Plan Municipal de Emprego duplicando a súa dotación orzamentaria.
Para facilitar a liquidez necesaria que permita o reinicio da actividade comercial e das PEMEs da cidade, defenden a creación dunha liña de axudas directas, por importe de até 1.500 euros, para autónomos, sector comercial e pequena e mediana empresa. Ademais, suxiren que o Concello promova, a través do convenio con algunha entidade financeira, a creación dunha liña de microcréditos municipais para o pequeno comercio que forneza de préstamos sen xuros de até 5.000 euros, a devolver nos próximos cinco anos.
Outra das medidas que propoñen é a modificación das ordenanzas fiscais municipais para habilitar, con carácter extraordinarios, bonificacións e o pago aprazado sen recargo no ano natural en impostos e taxas como o IBI, o recibo da auga ou a recollida do lixo para PEMEs e autónomos.
O portavoz do BNG chamou tamén a acordar, a través da Mesa Local do Comercio e coa participación das asociacións de comerciantes, as medidas necesarias para a promoción do consumo no comercio local. “É claro que o pequeno comercio é quen máis se vai resentir desta crise, e desde o BNG apostamos por fortalecelo”, explicou Pérez Igrexas, subliñando que é ese tecido comercial de proximidade “o que vertebra a cidade, dinamiza os barrios e parroquias e crea emprego estábel”.
Por último, as nacionalistas sosteñen que é fundamental despregar un plan de continxencia específico para a protección do tecido e da industria culturais da cidade, contando co participación dos colectivos e axentes culturais co obxectivo de garantir a continuidade da actividade cultural na cidade. “Para Vigo a cultura é unha actividade estratéxica e na que temos un enorme potencial. Non podemos abandonala”, xustificou Igrexas.