O BNG de Vigo propón recoñecer coa Medalla de Ouro da Cidade as históricas folgas de 1972

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego propón recoñecer como Medalla de Ouro de Vigo de 2022 aos traballadores e traballadoras que protagonizaron as históricas folgas de 1972, cando se cumpren 50 anos deste fito que significou a cidade como epicentro da loita social e un capítulo fundamental na historia do movemento obreiro galego. A fronte nacionalista pide tamén recoñecer como Vigueses Distinguidos a Dores André, primeira bailarina do Ballet de San Francisco e un expoñente da danza galega, e á Asociación Mutualista de Residentes de Vigo en Bos Aires.

Os nacionalistas propoñen á bailarina Dores André, que hoxe desempeña como primeira bailarina do ballet de San Francisco e é un dos máximos expoñentes da danza galega. “Unha viguesa e unha galega orgullosa de selo, que está a demostrar co seu talento e excelencia a forza creativa que latexa na nosa cidade”, salientou o concelleiro do Bloque.

En segundo lugar, pediu distinguir o labor da Asociación Mutualista de Residentes de Vigo en Bos Aires, constituída no 1918 e que é, a día de hoxe, a única entidade que leva o nome da cidade na diáspora. “É momento de recoñecer a traxectoria histórica dunha das asociacións máis lonxevas de Vigo, que sirva tamén para valorizar ao conxunto da emigración galega e viguesa, sen a que non se podería concibir a historia da nosa cidade”, subliñou Igrexas.

“A proposta de Medalla de Ouro quere valorizar a contribución histórica das viguesas e vigueses que deron o mellor de si propios, con valentía, compromiso e determinación á hora de defender os lexítimos dereitos e intereses da maioría social que representamos as clases populares e traballadoras, e tamén na conquista de liberdades nun contexto inda de ditadura”, destacou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

O edil nacionalista considerou que deben ser os tres sindicatos maioritarios (CIG, CCOO e UXT) quen designen de maneira consensuada as persoas que poden recoller esta distinción en nome das ”millares de viguesas e vigueses que nese 1972 loitaron en favor de todas e todos”.

Salir de la versión móvil