O Bloque Nacionalista Galego propón un plan de mantemento e reforma para "reverter o mal estado de moitas instalacións deportivas de Vigo". A fronte nacionalista responsabiliza o Goberno de Abel Caballero do peche de numerosos pavillóns, campos e piscinas municipais nos últimos meses.
Así o denunciou o concelleiro do BNG de Vigo, Filipe Abalde, despois dun novo exemplo co peche do campo de fútbol Baltasar Pujales en Bouzas polo asolagamento dos almacéns e das oficinas provocado pola deterioración da cuberta. “Día si e día tamén temos unha mala nova para o deporte vigués”, lamentou o edil nacionalista, quen considerou que o Goberno municipal non pode xustificar esta “riada” de peches polas condicións meteorolóxicas.
“O mantemento é inexistente, non é un problema de recursos senón de falla de xestión e de vontade política”, cuestionou Abalde, quen asegurou que esta situación "viuse agravada tras a privatización do persoal funcionario que atendía as dotacións municipais". Puxo como exemplo deste “abandono” o caso do pavillón Pablo Beiro, sen actividade dende hai máis dun ano en Bouzas, o pavillón de Coia ou as instalacións das Travesas, onde “hai case tanta auga na piscina como a que cae do teito”.
Como evidencia desta "falla de investimentos", o concelleiro do BNG denunciou que o "Goberno municipal non executou no que vai de ano nin un só euro da partida orzamentaria de 468 mil euros destinada á mellora das dotacións deportivas". Todo cando se mantén o peche dous anos despois da piscina municipal de Teis, afectando a 1.500 persoas usuarias; do campo de fútbol das Travesas, inutilizado o ano pasado tras o concerto de Bryan Adams; do pavillón de Navia sen sistema de climatización; do campo de Sampaio nun estado “deplorable” ou das instalacións da ETEA, onde na “cidade das luces seguen con medio campo sen iluminación”.
Plan integral de mantemento e reforma
Abalde propuxo para reverter esta situación a posta en marcha dun plan integral de mantemento e reforma. Como primeiro paso, defendeu, é necesario realizar unha auditoría do estado das instalacións deportivas, destinando partidas orzamentarias para reparar as deficiencias por vía de urxencia. Ademais, instou a dotar do material necesario para a práctica do deporte ante o déficit en moitas instalacións e o estado “obsoleto” en outras tantas, como no casos do ximnasios de Samil. Tamén chamou a ampliar os horarios dende as 06:00 horas até a medianoite para atender a demanda de moitas persoas usuarias, modernizar o sistema de reserva e pago das instalacións ante as constantes incidencias e peches sen previo aviso, así como crear unha canle de comunicación “constante e fluída” coas entidades deportivas para coñecer as súas necesidades.
Caso aparte merecen as pistas de atletismo de Balaídos que, criticou o edil nacionalista, están nun estado “lamentábel malia as numerosas denuncias e evidentes eivas que presenta nos últimos anos tanto a pista coma os vestiarios". Nese sentido, lembrou que inda está pendente de licitación o proxecto de reforma das mesmas, do que non se executou nin un só euro, como tampouco do “mil veces prometido” pavillón para Matamá.