O Bloque Nacionalista Galego propuxo esta mañá que o Concello de Vigo se dote dun protocolo de protección do arborado urbano en todas as obras públicas da cidade, para evitar que se volvan producir situacións como a que se saldou co tronzado de dous cedros singulares na Ronda de Don Bosco.
Para a fronte nacionalista resulta “inxustificábel” que a falla de supervisión municipais e de medidas preventivas nunha obra pública, non se faga efectivo o compromiso de manter estes dous exemplares protexidos e catalogados. “O Goberno municipal ten que poñer en marcha un protocolo que evite este tipo de situacións e que asegure a protección do arborado urbano”, reclama o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas.
Nova ordenanza fronte ao “arboricidio”
Igrexas reitera a mensaxe de que “as árbores non son ornamento, nin cousas, son seres vivos que xogan un papel fundamental do punto de vista ambiental para a cidade”. Emporiso, o portavoz municipal nacionalista entende que as tallas inxustificadas practicadas na cidade nos últimos meses e o sucedido na ronda de Don Bosco, que enmarca nunha política de “permanente arboricidio” por parte do goberno de Abel Caballero, motivan a necesidade de revisar e actualizar a ordenanza municipal de medio ambiente.
“Temos que despregar unha normativa municipal que estea á altura da conciencia ecóloxica da veciñanza viguesa, que eleve a protección do arborado e que nos permita avanzar na reconciliación da cidade co seu medio natural. É o momento de facelo”, defende.