O BNG de Vigo propón unha Renda Social para facer do Concello "un parapeto contra a crise"

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego propón unha Renda Social Municipal para facer do Concello de Vigo un "parapeto contra a crise". A fronte nacionalista aposta por unificar as actuais axudas municipais nesta Renda co propósito de complementar as pensións non contributivas, a Risga e o Ingreso Mínimo Vital até un mínimo do 75% do salario mínimo.

“Nunha cidade na que hoxe temos a máis de 60.000 persoas en risco de exclusión social e pobreza, a aposta do BNG é facermos do Concello un verdadeiro parapeto social”, defendeu o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas. “Son millares as viguesas e vigueses que se ven obrigados a acudir ás filas da fame, a organizacións asistenciais ou comedores sociais para garantir algo tan básico como a súa propia alimentación”, lamentou.

Fronte a esta situación, Igrexas considerou “urxente” poñer en marcha medidas como esta Renda Social que permitan garantir as condicións mínimas para a subsistencia material das persoas. “Axudas como as pensións non contributivas, a Risga e o Ingreso Mínimo Vital son insuficientes para poder vivir con dignidade”, denunciou o cabeza de lista nacionalista, polo que chamou a complementalas dende o ámbito municipal.

Igrexas contrapuxo esta aposta do Bloque coa “indecente” decisión tomada polo actual Goberno municipal de aplicar un “tesoirazo” do 22% nas axudas sociais este ano e de manter os servizos sociais “baixo mínimos”, malia o continuo aumento do empobrecemento. “Cun orzamento récord do que presume o actual alcalde, o BNG cremos que hai que facer tamén un esforzo récord para protexer as viguesas e vigueses máis vulnerábeis”, remachou.

Salir de la versión móvil